Berro pontevedrés contra a violencia machista: "Querémonos vivas"

Pontevedra
08 de outubro 2015

Grupos de acción feminista, representantes de partidos políticos, integrantes do tecido asociativo e cidadáns en xeral déronse cita este mércoes ante a Audiencia para "berrar que non é tolerable que catro mulleres foran asasinadas en 48 horas por violencia machista" mentres os estamentos públicos e a socidade "quedan impasibles"

Concentración contra a violencia machista ante a Audiencia logo da morte dunha muller en Vigo Mónica Patxot

Grupos de acción feminista, representantes de partidos políticos, integrantes do tecido asociativo e cidadáns en xeral déronse cita este mércoes ante a Audiencia Provincial de Pontevera para berrar un "Non" pontevedrés ao último caso de violencia machista no que o luns unha muller apareceu morta na súa casa en Vigo tras ser presuntamente asasinada pola súa parella. "Querémonos vivas" rezaban algúns dos carteis que ergueron os asistentes e cos que pediron a implicación de toda a sociedade na loita contra os crimes por cuestións de xénero e todo tipo de violencia contra as mulleres. 

A concentración convocouse en repulsa ao asasinato machista de Silvina De Oliveira, a cuarta muller asasinada en Galicia neste ano 2015, pero tamén para "berrar que non é tolerable que catro mulleres foran asasinadas en 48 horas por violencia machista" mentres os estamentos públicos e a socidade "quedan impasibles". "Non imos quedar caladas", anunciaron. 

Máis dun cento de persoas secundou a protesta, á que asistiron representantes de todos os partidos políticos con representación en Pontevedra -BNG, PSOE, Marea, PP e Ciudadanos-, ademais doutras formacións como Podemos, e na que se leu un manifesto reivindicativo que denunciou que as vidas das mulleres "parece que non teñen o mesmo peso, a mesma importancia, nin a mesma resposta ca de tratarse doutro tipo de terrorismo" e que a actual é xa unha "situación insostible para as mulleres".

O manifestou arremeteu directamente contra o Goberno do Partido Popular por "invisibilizar" este feminicidio. Esta afirmación despertou o enfado dalgúns grupos políticos como o PP ou Ciudadanos (C's). Precisamente, a conselleira deste último partido en Pontevedra, María Rey, foi moi dura ao remate porque entende que "las luchas políticas se libran en los escenarios que tenemos a nuestra disposición y finalizan en las urnas" e, na súa opinión, "no se puede utilizar la violencia de género con fines partidistas" e "somos muchos los que luchamos contra la violencia independientemente de nuestras ideologías".