O BNG pide reformular a Bienal tras baixar as visitas ao Edificio Castelao en 2025

Pontevedra
11 de febreiro 2026

Os nacionalistas aseguran que, malia o seu elevado custo, a Bienal non incrementou as visitas ao Edificio Castelao en 2025. Ademais, afirman que o PP “tirou a toalla” coas obras en Santa Clara

César Mosquera, portavoz do grupo provincial del BNG

O portavoz do BNG na Deputación de Pontevedra, César Mosquera, reclamou unha reformulación da Bienal de Arte de 2027 tras coñecerse os datos de visitas ao Edificio Castelao, sede principal da mostra.

Segundo as cifras oficiais, entre xuño e setembro de 2025 rexistráronse 27.857 visitantes, fronte aos 28.060 do mesmo período de 2024, é dicir, 203 persoas menos malia celebrarse este ano a Bienal.

Mosquera puxo o foco no custo do evento, que cualificou como "o máis caro dos realizados en Pontevedra nos últimos anos", cun orzamento que, segundo indicou, roldou os dous millóns de euros.

Ao seu xuízo, a cifra global de 125.000 visitas ofrecida pola Deputación require unha avaliación rigorosa, xa que parte do público contabilizado correspondería a espazos como as Ruínas de San Domingos que é un habitual punto de atracción turística ou a Santa Clara, onde tamén influiría o interese polo propio edificio máis alá das intervencións artísticas.

O nacionalista considera que, se a Deputación decide manter a Bienal como unha das súas grandes apostas culturais, cómpre revisar o formato e buscar novas fórmulas que garantan un impacto real acorde co investimento público.

Críticas á xestión en Santa Clara

Mosquera tamén cargou contra a xestión do goberno provincial do PP en relación cos edificios centrais do Museo e co convento de Santa Clara. Segundo afirmou, tras 30 meses de mandato "non se fixo nada salvo dar pasos atrás" e ve difícil que poidan iniciarse as obras antes de rematar o actual período corporativo.

Asegurou que a sensación é que os ‘populares’ xa "tiraron a toalla" no obxectivo de iniciar obras neste mandato.

Ao seu entender, os prazos pendentes, coas catas arqueolóxicas, informes técnicos, modificacións de proxecto e licitacións, fan "imposible" cumprir o calendario previsto.

No caso concreto de Santa Clara, sinalou que non hai avances nas novas entradas previstas nin pola zona de Barcelos, que requiriría negociación co Concello, nin pola rúa Santa Clara a través do edificio das Obras Misionais, cuxa adquisición quedara encamiñada no anterior mandato.

Tamén indicou que non consta a solicitude de licenza para iniciar as catas, malia que, segundo lembrou, o vicepresidente Rafa Domínguez asegurara contar co visto e prace verbal de Patrimonio.