Unha Semana Santa como case non se lembraba nos últimos anos, sen rastro algún de chuvascos, está a deixar na comarca de Pontevedra imaxes máis próximas ao verán que ao inverno que acaba de quedar atrás.
Rúas cheas de xente, visitantes que se lanzan ás praias, terrazas e paseos marítimos son algunhas das estampas que están a deixar os días de vacacións.
A ocupación disparouse nas Rías Baixas co bo tempo, e a pesar das temperaturas frescas de primeira hora non poucos foron os que se animaron a gozar dos areais, ou canto menos a protagonizar plans ao aire libre.
O clima deu unha tregua tras o duro inverno cunha Semana Santa que se completará coa mesma estabilidade atmosférica.
De feito, así o garanten servizos de predición como MeteoGalicia.
En concreto prognostican un cambio de tendencia a partir do martes día 7 de abril.
As temperaturas para o sábado e domingo de Pascua estarán por encima dos 20 graos, chegando mesmo aos 27 segundo as estimacións para o luns día 6.
Un día despois, o martes 7, é cando se espera un aumento da probabilidade de precipitacións e un descenso das temperaturas, que se prolongará durante os seguintes días.