Bombeiros dos parques comarcais de Galicia abordan a Deputación para demandar mellores condicións laborais

Pontevedra
20 de outubro 2023

Ante a paralización das negociacións coa Xunta e as Deputacións, bombeiros de parques de toda Galicia concentrábanse este venres fronte a entrada do Pazo Provincial na avenida de Montero Ríos. Queimaron pneumáticos; abriron unha vía de auga; utilizaron bengalas e lanzaron ovos e fariña contra a fachada do edificio institucional. Reclaman ampliación dos cadros de persoal en sete efectivos por parque e melloras salariais

Protesta dos bombeiros dos parques comarcais PontevedraViva

Queima de pneumáticos; apertura dunha vía de auga en Montero Ríos; bengalas, lanzamento de petardos, ovos e fariña contra a fachada da Deputación de Pontevedra. Moita tensión vivíase este venres en Pontevedra na primeira das protestas que os bombeiros dos parques comarcais van realizar durante as próximas semanas nas catro provincias galegas reclamando a dignificación do seu traballo.

Ángel Moldes, presidente do comité de folga, sinala que despois do plantón por parte das catro deputacións galegas e da Xunta de Galicia na última reunión para negociar unha saída ao conflito, decidiron intensificar as protestas. Alega que levan dous meses sen avance: "parece que non lles importa que estean pechados os parques en toda Galicia".

Actualmente traballan ao redor de cincocentos profesionais nos 25 parques comarcais de bombeiros na comunidade autónoma, catro deles na provincia de Pontevedra, entre os que se atopan o de Ribadumia e Bueu. Destes catro, dous ou tres permanecen diariamiente pechados desde que comezaron as protestas e a folga. 

Moldes explica que existen diferentes condicións de traballo en cada provincia e dentro de cada unha tamén se presentan diferenzas laborais que, en calquera caso, non resolven as dotacións mínimas para que exerzan correctamente a súa función segundo a Lei de riscos.

Reclaman un convenio único para toda Galicia e unha valoración económica acorde co traballo que realizan xa que actualmente cobran un salario bruto anual de 20.100 euros de media. 

As súas demandas tamén se centran no incremento do persoal en cada un dos parques para que figuren sete bombeiros máis en cada parque comarcal xa que indican que tres por quenda atópanse con dificultades para intervir nun sinistro. "Hai polígonos con moitísima carga de traballo", manifesta o portavoz.

As súas accións concluirán cunha manifestación prevista para o venres 17 de novembro en Santiago de Compostela á que están convocados bombeiros de toda España.

Contemplan a posibilidade de chegar a unha folga de fame se as reivindicacións non son atendidas e as administracións provinciais e autonómicas non sentan a negociar con propostas concretas.

Como anécdota, no acto de protesta deste venres foi necesaria a intervención dos bombeiros do parque municipal de Pontevedra para que cortasen a vía de auga que os manifestantes abriron fronte á Deputación. Efectivos da Policía Nacional impediron, durante a acción reivindicativa, que o colectivo entrase no edificio do Pazo Provincial.