Tras o éxito dos coñecidos como Bonos Activa Comercio, impulsados pola Xunta de Galicia, o PP quere replicar ese modelo en Pontevedra.
O seu portavoz, Rafa Domínguez, propuxo a creación dos bonos Pontedecompras! para dinamizar a economía local e apoiar ao pequeno comercio de todo o municipio.
Esta proposta, pensada para incentivar as compras antes da campaña de Nadal e as rebaixas do verán, estaría dirixida ás persoas maiores de idade empadroadas na cidade.
A dotación orzamentaria para esta iniciativa alcanzaría os 800.000 euros, divididos en dúas anualidades semestrais de 400.000 euros para lanzar ao mercado en maio e novembro.
Cada persoa podería solicitar até tres bonos de 50 euros por campaña, cofinanciados ao 40% polo Concello e ao 60% polo beneficiario para incentivar estas compras.
"É un investimento intelixente na cidade do futuro e, ademais, cun calendario adaptado á realidade comercial de Pontevedra", sostivo Domínguez.
O xefe da oposición avanzou que se o goberno local non implanta esta "positiva" medida para a cidade, estará no seu programa de goberno para as eleccións de 2027.
Trátase dun programa, segundo o líder do PP pontevedrés, que permitiría "dar un empuxón" ás vendas dos comerciantes "que levantan a persiana cada día competindo contra as grandes multinacionais", achegando a súa proximidade e a súa experiencia profesional.
Estes bonos, engadiu, achegarían ao consumidor ao comercio, proporcionarían liquidez "inmediata" ao sector e aumentarían o valor do ticket medio "e todo sen burocracia".
Os establecementos que se sumen á iniciativa deberían cumprir unha serie de requisitos, co obxectivo de excluír a grandes superficies e concentrar o impacto económico no comercio de proximidade, a hostalaría, o mercado de abastos e os autónomos de Pontevedra.
O PP propón que esta campaña chegue a todos os pequenos comerciantes dos barrios e das quince parroquias do rural para beneficiar o máximo número posible de negocios.