Borela prepárase para celebrar as festas do Bolo de San Martiño

Cerdedo Cotobade
10 de novembro 2022

Ritmo e Tic-Tac protagonizan a verbena do sábado 12 de noviembre. A degustación do bolo con sardiñas asadas e magosto terá lugar a partir das 19, amenizado por Os Afoutes do Canón de Pau 

Presentación das festas do Bolo de San Martiño de Borela Concello de Cerdedo-Cotobade

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, o concelleiro Bruno Portela e os membros da Comisión de Festas do Bolo de San Martiño de Borela, fixeron público o programa festivo que se desenvolverá o sábado 12 de novembro para conmemorar este ano a vixésimoquinta edición deste evento gastronómico.

O programa festivo arranca o sábado día 12 de novembro ás 13 horas coa celebración dunha misa solemne na honra de San Martiño e ao remate terá lugar a sesión vemú amenizada polo grupo de gaitas Os Afoutes do Canón de Pau.

A degustación do popular bolo de San Martiño terá lugar a partir das 19 horas e estará acompañado de sardiñas asadas e magosto amenizado tamén polas gaitas dos Afoutes do Canón de Pau.

O bolo de San Martiño prepárase de xeito artesanal en antigas artesas de madeira e cócese en fornos tradicionais mesturando a fariña de millo corvo, negro, con figos e uvas pasas que lle dan o seu sabor e textura característico.

Esta festa rematará pola noite cunha verbena amenizada polos grupos Ritmo e Tic-Tac. A organización pon a disposición dos asistentes dunha gran carpa para que se poidan desenvolver con total normalidade estes festexos en caso de choiva.

Pola súa banda, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, agradeceu o esforzo á comisión de festas e felicitounos polo traballo que permite que se siga celebrando en Borela a tradicional Festa do Bolo de San Martiño.