A Subdelegación do Goberno en Pontevedra presentou na Alameda de Pontevedra a campaña de verán da Unidade de Cabalaría da Policía Nacional.
Ao acto asistían o subdelegado do Goberno na provincia, Abel Losada, o comisario xefe provincial da Policía Nacional, Juan José Díaz, e o oficial da unidade operativa, José Antonio Fontecha.
O despregamento deste servizo desenvolverase durante este mes de xullo e tamén en agosto, con opción de prorrogarse ao mes de setembro en función das condicións climatolóxicas.
Abel Losada sinalaba que a presenza destas unidades na comunidade autónoma se articula arredor de dous eixos: "a loita contra os incendios forestais en Galicia" e as funcións de seguridade viaria e cidadá en "os trazados do Camiño de Santiago".
Losada fixo mención específica á campaña "Non camiñas soa", orientada de forma directa á seguridade das mulleres que realizan o camiño de maneira individual, destacando que o despregamento actúa como "un elemento disuasorio importante e ademais un elemento de tranquilidade para elas".
No ámbito forestal, o subdelegado aludiu á coordinación institucional coa Brilat, a Unidade Militar de Emerxencias (UME) e o Ministerio de Defensa baixo o criterio de coordinar "todos os recursos públicos de todas as administracións ante un problema que existe" referíndose aos incendios nos montes galegos.
Tamén recoñecía que a climatoloxía do inverno, caracterizada por intensas choivas, seguida da seca iniciada no mes de marzo, obriga a manter unha atención especial sobre o territorio para previr incendios forestais.
A Unidade de Cabalaría desenvolve estas funcións en toda Galicia desde o ano 2013. O oficial José Antonio Fontecha detallaba que o continxente actual está integrado por un total de 20 axentes e 12 cabalos.
Este persoal distribúese de maneira estable en dous puntos da comunidade: a base norte, con sede en Santiago de Compostela, e a base sur, localizada en Pontevedra, dando cobertura á totalidade do territorio galego mediante quendas de mañá, tarde ou xornada completa.
Respecto das características do servizo a cabalo, Fontecha apuntaba que permite a vixilancia en contornas naturais onde as vías motorizadas resultan impracticables:
"Chegamos a zonas onde os vehículos a motor non acceden, e o noso labor principal é prevención e detección. Prevención, porque a xente nos ve e, se alguén ten a mala idea de prender lume, entendemos que non o vai a facer. E a detección, porque imos a lugares, zonas altas, onde podemos detectar o lume e dar aviso aos servizos de emerxencia".
A estas funcións preventivas engádense as tarefas de auxilio humanitario no Camiño de Santiago, prestando asistencia a persoas que sofren contratempos físicos, feridas ou caídas durante o traxecto.
Os equinos asignados a este servizo pertencen na súa maioría á Pura Raza Española, procedentes da Eguada Militar.
Pola súa banda, os funcionarios policiais que cabalgan deben superar unha serie de probas selectivas de carácter físico, teórico e de equitación, seguidas dun plan de adestramento continuo e diario que afecta tanto os axentes como os animais.
Esta unidade da Policía Nacional estrutúrase como un órgano móbil con tres sedes principais en España, situadas en Madrid, Sevilla e Valencia.
Para o dispositivo de Galicia, os efectivos da base de Pontevedra dependen orgánicamente da Comisaría Xeral de Seguridade Cidadá, mentres que os da base de Santiago corresponden á Brigada Provincial de Seguridade Cidadá de Madrid.
En paralelo ao servizo en Galicia, a unidade mantén dotacións despregadas en Santander con motivo da Operación Verán, en Alxeciras dentro da Operación Paso do Estreito, e en Pamplona en colaboración coa Policía Foral durante as festas de San Fermín.
Numerosas persoas, sorprendidas pola presenza dos equinos, achegáronse durante esta presentación en torno ao monumento dos Heroes de Ponte Sampaio para sacar fotografías e gravar vídeos desta dotación policial.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.