Broken Peach, Black Stones e Pablo Balseiro, principais atractivos das Festas de Campolongo

Pontevedra
11 de marzo 2019

O barrio de Campolongo celebra as súas festas esta fin de semana con motivo da celebración do día de San Xosé. Serán do sábado 16 ata o martes 19 de marzo e estarán amenizadas por actuacións de charangas e grupos musicais ademáis de actividades de balde dirixidas á veciñanza de todas as idades

Presentación das Festas de Campolongo 2019 Mónica Patxot

Por terceiro ano consecutivo, póñense en marcha as Festas de Campolongo con motivo da celebración do día de San Xosé. Comezarán o sábado 16 ás 12:00 horas coa instalación de foodtrucks e rematarán o martes 19 cunha chocolatada popular, segundo explicaron os seus organizadores, Isaac Freire e Alberto Rodríguez, na mañá deste luns no Concello.

As foodtrucks, vehículos acondicionados para elaborar e vender comida na rúa, volven ser as protagonistas destas festas durante os tres primeiros días. Ao tratarse dunhas festas dirixidas a todo o barrio, tamén se instalará unha taberna tradicional galega para que o público máis adulto poida desfrutar da gastronomía durante todo o día.

Polas tardes, de 16:00 a 20:00 horas, haberá unha zona infantil con inchables e actividades para os máis pequenos con pintacaras e xogos populares.

Charangas, exhibicións e master class amenizarán as xornadas. Da exhibición de esgrima encargarase a Escola Hungaresa de Esgrima de Pontevedra, e da de taekwondo, Mace Sport. A master class de ioga infantil a impartirá Torrado e a de zumba a realizará Serviocio Piscinas de Campolongo. Tamén haberá un espectáculo do ilusionista Pedro Volta o domingo ás 19:00 horas.

Os encargados de pechar as festas cada día coas súas actuacións musicais serán Broken Peach, Black Stones e Pablo Balseiro, que actuarán a partir das 22:30 horas o sábado, domingo e luns respectivamente.

Como colofón, o martes realizarase un xantar tradicional de lacón con grelos e churrasco, o torneo de petanca Memorial Fernando Viéitez, unha chocolatada popular de balde, e diversas actividades coas que se dará fin ás festas.

Os organizadores esperan que haxa un ambiente moi festivo aproveitando a afluencia dos máis pequenos ao novo parque infantil de Campolongo.