Bueu ultima os proxectos que presentará ao Plan Concellos 2017

Bueu
22 de febreiro 2017

Casi 623.000 euros. É a contía dos proxectos que o Concello de Bueu remitirá á Deputación para que sexan financiados con cargo ao Plan Concellos 2017. O goberno municipal asegura que estes días están a ultimar a redacción destas iniciativas

Visita do alcalde de Bueu, Félix Juncal, á rúa da Pedra Concello de Bueu

Casi 623.000 euros. É a contía dos proxectos que o Concello de Bueu remitirá á Deputación para que sexan financiados con cargo ao Plan Concellos 2017. O goberno municipal asegura que estes días están a ultimar a redacción destas iniciativas.

O Concello avanza que se vai incluír un proxecto de mellora e creación de parques infantís, escolares e biosaudables, a pavimentación de varios camiños en mal estado, a creación dunha fonte cibernética na Praza Massó, a mellora do Centro Infantil de A Pedra, e a construción dun aseo e vestiario no cemiterio de Cela e unha reforma integral no cemiterio municipal. 

No que atinxe aos parques, faranse dez actuacións de renovación dos espazos existentes e a creación de novas áreas de lecer, grandes dinamizadores da educación dos máis pequenos. Os parques infantís da Praza do Concello, o dos Xardíns de María Eugenia e o do Outeiro vanse renovar integramente, instalando neles xogos novos. 

Así mesmo, vanse crear novos parques na Casa da Aldea de Meiro, na antiga escola unitaria de Cabalo e na de Sanamedio. O proxecto contempla tamén a creación de parques biosaudables en Ramal dos Galos, no Paseo de Pescadoira e no Paseo de Agrelo. Ademais, o skate park de As Lagoas será implementado con novos módulos.

Outro proxecto que se vai levar ao Plan Concellos 2017 é o de pavimentación de camiños municipais que se atopan en mal estado. Tal é o caso do de Meiro-Outeiro, o camiño do núcleo urbano de Vilar (Beluso), a rúa Ramal dos Galos, o último tramo do Camiño Sar-Cela e o vial da Costiña (Cela). 

A fonte cibernética será unha solución para a Praza Massó, á que se lle dará maior dinamismo. O proxecto prevé a instalación dunha fonte transitable cibernética, que se situará no lugar que hoxe ocupa o estanque e que se vai retirar debido a que na actualidade xa non se está utilizando como tal.

O goberno local fará melloras no Centro Infantil de A Pedra, que consistirán nunha reparación do inmoble, mediante un tratamento, reparación e pintado da fachada; e dunha humanización do patio, no que se substituirá parte do asfalto por terra vexetal para a plantación de árbores, e no que reasfaltará a parte restante para mellorar o acabado que agora é moi abrasivo e dificulta a realización de actividades deportivas.

A mellora tamén prevé o desprazamento da porta de entrada, coa que se ampliará a zona de agarda para os pais e que relanzará a senda do río Bispo nese espazo.

O último proxecto que se incluirá nesta convocatoria da Deputación será a mellora dos cemiterios municipais. No caso do de Cela vaise construír unha edificación na que se instalará un baño accesible e un cuarto para usos múltiples relacionados co mantemento. 

Pola súa banda, no de Bueu, farase unha reparación do espazo que actualmente se destina aos aseos e a almacén, e reformarase a cuberta, buscando unha solución máis efectiva para a evacuación das augas pluviais.