Buscan paxes reais para acompañar a Melchor, Gaspar e Baltasar en Caldas

Umia
28 de decembro 2025

O Concello fai un chamamento a nenas e nenos de máis de 6 anos para que participe nos obradoiros organizados para preparar o evento e acompañar o día 5 ás súas maxestades no percorrido polas rúas

Cabalgata de Reis Magos en Caldas | ARQUIVO
Cabalgata de Reis Magos en Caldas | ARQUIVO / Concello de Caldas de Reis

Melchor, Gaspar e Baltasar buscan paxes reais para que os acompañen durante o seu percorrido por Caldas de Reis o vindeiro 5 de xaneiro

A través do Concello, fan un chamamento a nenas e nenos para que participen nos obradoiros organizados para preparar o evento.

O tenente de alcalde, Manuel Fariña, subliña que o día será "espectacular e máxico", polo que fai tamén ese chamamento ás crianzas.

As nenas e nenos que queiran tomar parte da cabalgata teñen que tener máis de 6 anos.

Poderán apuntarse no departamento de Cultura do Concello (na oficina de turismo) ata o venres día 2 de xaneiro en horario de mañá.

Os días 2 e 3 de xaneiro, ás 17.00 horas, como paso previo a subirse ás carrozas, as e os paxes reais terán que asistir a un obradoiro no auditorio.

Alí, ademais de recibir as indicacións para saber o que teñen que facer, tamén poderán aproveitar para facer manualidades e adobíos para completar os seus vestidos. 

A cabalgata do día 5 pola tarde contará coas tres tradicionais carrozas de Melchor, Gaspar e Baltasar nos seus tronos, acompañados das e dos paxes e gardas reais, e tamén da Banda de Música de Caldas, así como de grupos de gaitas.

Ao finalizar o desfile, os Reis Magos farán unha recepción real e nenas e nenos poderán falar con eles para lembrarlle as súas peticións.

Repartiranse en total máis de 300 quilos de caramelos sen glute e outras lambetadas.

Arquivado en