Caldas impulsa a creatividade do comercio local coa decoración de Nadal

Umia
22 de decembro 2025
Actualizado: 23 de decembro

Inscrición aberta para participar no concurso de escaparates e beléns para encher a vila termal dun ambiente festivo

Decoración de Nadal en Caldas
Decoración de Nadal en Caldas /

O Concello de Caldas de Reis quere que o Nadal se viva tamén a través dos escaparates.

Co obxectivo de estimular a creatividade do comercio local e encher a vila dun ambiente festivo, a concellería de Comercio asumiu este ano a organización directa do tradicional concurso de beléns e decoración de establecementos, que conta co patrocinio da empresa local Rogomóvil.

A iniciativa premiará a mellor ambientación e decoración do Nadal tanto en escaparates como en interiores visibles ao público dos comercios situados en calquera punto da vila termal.

En total, repartiranse 350 euros en premios, que se entregarán en forma de vales para gastar no comercio e na hostalaría local. Haberá un primeiro premio de 200 euros, un segundo de 100 e un terceiro de 50 euros.

Poderán participar todos os establecementos comerciais con local aberto ao público en Caldas de Reis, cunha única inscrición por negocio.

O prazo para anotarse estará aberto ata o 24 de decembro e as inscricións deberán realizarse por correo electrónico, achegando os datos básicos do establecemento e unha fotografía da decoración presentada.

As propostas deberán ter obrigatoriamente temática do Nadal, incluíndo ben a representación do belén tradicional ou ben a figura do Apalpador, e permanecer expostas entre o 24 de decembro e o 6 de xaneiro.

O xurado valorará especialmente a orixinalidade, a calidade estética e a coherencia coa temática escollida.

O tenente de alcalde, Manuel Fariña, destaca que con esta iniciativa o Concello "quere traballar man a man" co comercio local, fomentando a decoración de escaparates "para que toda a vila sinta estas festas de maneira viva".

Ademais, lembra que recentemente o goberno local tamén asumiu a organización do concurso de decoración de rúas promovido por asociacións e colectivos.

"Tanto o concurso de escaparates como o da decoración de rúas reflicten a nosa implicación no desenvolvemento económico e social da vila", subliña Fariña, quen anima aos comerciantes a participar.

Para máis información, as persoas interesadas poden escribir ao correo electrónico [email protected]

Arquivado en