Caldas de Reis rozará ata xullo todas as estradas, pistas e camiños do municipio

Umia
14 de maio 2020

Desde hai un mes o Concello de Caldas de Reis leva realizando labores de roza e limpeza das estradas, pistas e camiños do municipio que unen os núcleos rurais. Este traballo, coordinado a través dunha estrita planificación, continuará ata o mes de xullo

Tarefas de roza en camiños rurais de Caldas
Tarefas de roza en camiños rurais de Caldas

Desde hai un mes o Concello de Caldas de Reis leva realizando labores de roza e limpeza das estradas, pistas e camiños do municipio que unen os núcleos rurais. Este traballo, coordinado a través dunha estrita planificación, continuará ata o mes de xullo.

As actuacións estanse desenvolvendo a bo ritmo. Comezaron polas parroquias de Saiar e de Godos, onde están a punto de rematar. Os traballos continuarán en Bemil e Carracedo, posteriormente actuarase en San Clemente e San Andrés e finalizarase en Santa María, onde xa se rozou unha parte, e en Arcos da Condesa.

O programa execútase con maquinaria e persoal municipal, aínda que nalgún caso as actuacións se complementan co apoio de medios externos contratados. Precisamente, o Concello está solicitando a colaboración das diferentes comunidades de montes do municipio co obxectivo de complementar, axilizar e optimizar o traballo realizado. 

Con este plan municipal o Concello busca manter no mellor estado posible os diferentes viais do municipio nunha época do ano na que a vexetación crece de maneira especial.

Deste modo, as rozas pretenden mellorar as comunicacións entre os núcleos e lugares parroquiais, mellorar a visibilidade e a seguridade viaria, ademais de previr incendios, o que mellorará a calidade de vida da veciñanza do rural e de todo o termo municipal.

Ademais, o plan de roza complementarase con tarefas especiais de limpeza de cunetas coa finalidade de que a rede viaria se manteña en perfectas condicións durante todo o ano. 

O concelleiro de Obras, Manuel González, puxo de manifesto o "esforzo inxente" que o Concello realiza na execución deste plan tan importante cada ano para a veciñanza das parroquias debido á enorme cantidade de quilómetros sobre os que é preciso actuar.

"É un plan que xa iniciamos hai un mes e que desenvolvemos con mimo e moita planificación para chegar a todos os lugares e alcanzar os mellores resultados", engadiu González.

Pola súa banda, o edil de Medio Rural, Carlos Ortigueira, explicou que se están avaliando coa veciñanza as necesidades de roce das parroquias e invitou a colaborar nestas tarefas ás comunidades de montes de Caldas, como xa está facendo persoal da de Saiar.