Caldas elabora da man do sector a candidatura do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino

Umia
03 de marzo 2023

O Concello de Caldas de Reis avanza na elaboración do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino que se vai a presentar ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para acceder aos fondos europeos Next Generation

Reunión para elaborar o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino
Reunión para elaborar o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino / Concello de Caldas de Reis

O Concello de Caldas de Reis avanza na elaboración do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino que se vai a presentar ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para acceder aos fondos europeos Next Generation. 

Para iso, esta semana celebrouse unha nova reunión con representantes das asociacións de Hostalería e de Comercio de Caldas, así como con profesionais do ámbito do termalismo, o patrimonio cultural e natural, a mobilidade sostible e as enerxías renovables. Na reunión participou tamén a directora da Oficina da área de Rehabilitación Integral, María Pierres.

Este proceso participativo iniciouse hai dous anos.

O alcalde, Juan Manuel Rey, destacou "a importancia de articular unha proposta de desenvolvemento turístico sostible liderada politicamente desde o Concello pero contando coa participación activa dos axentes públicos e privados vinculados ao turismo, para poder vertebrar os distintos produtos turísticos do municipio”.

De acordo con as liñas temáticas da convocatoria deste ano que prioriza os Centros Históricos, o Termalismo e o Turismo Azul, Caldas centrarase no desenvolvemento e mellora do Centro Histórico como parte do trazado do Camiño Portugués, que xa atrae a 125.000 vistantes anuais; no desenvolvemento de Caldas como Villa Termal, e na mobilidade sostible co reforzo dos paseos peonís e ciclables xunto ao río Umia así como a posta en valor da súa biodiversidade.

Tamén se incluirán propostas no ámbito de eficiencia enerxética e da dixitalización do destino, co desenvolvemento de experiencias turísticas dixitais, e a preparación de sistemas interactivos de información e de interpretación do patrimonio cultural e natural de Caldas, con toda a súa riqueza histórica.

O concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, destaca que "esta convocatoria vira ao redor da sustentabilidade ambiental e a súa aprobación permitiría avanzar notablemente na transformación de Caldas como destino de innovación turística, capaz de integrar a súa sustentabilidade ambiental, socioeconómica e territorial, no que chamamos o programa municipal Caldas Verde".