Caldas humanizará a área do Río Bermaña, do Campo da Torre e da Rúa San Roque

Umia
29 de xuño 2021

O goberno municipal de Caldas de Reis traballa en tres novos proxectos de humanización na vila que, recollidos no plan de mobilidade urbana sostible, queren acometer mediante liñas de financiamento da Unión Europea ou da Deputación de Pontevedra

Ámbito do río Bermaña Concello de Caldas de Reis

O goberno municipal de Caldas de Reis traballa en tres novos proxectos de humanización na vila que, recollidos no plan de mobilidade urbana sostible, queren acometer mediante liñas de financiamento da Unión Europea ou da Deputación de Pontevedra.

Así se acordou tras unha xuntanza de traballo co arquitecto, Luciano Alfaya, co obxectivo de estudar novas actuacións ao abeiro deste plan de mobilidade urbana.

Os obxectivos do goberno municipal pasan, por un lado, por actuar na praza Sesto Casal, situada na parte traseira da praza de abastos e na área completa do río Bermaña.

Buscan a recuperación para o peón deste ámbito de gran valor patrimonial e o tratamento axeitado destes espazos heteroxéneos, mediante unha actuación integral que consistirá na rexeneración e humanización de toda a contorna.

Luciano Alfaya será o encargado de redactar o proxecto técnico que contemplará traballos de humanización, a mellora do pavimento, a aposta por unha iluminación máis eficiente, a reordenación do tráfico e a posta en valor paisaxística deste espazo.

O Concello impulsará tamén a recuperación, posta en valor e mellora paisaxística e da mobilidade do conxunto formado polas rúas San Roque, Gaioso e Campo da Torre por onde discorre o Camiño Portugués.

Para iso prevén a mellora dos pavimentos dándolle un tratamento uniforme con lousas e a rexeneración da contorna coa dotación complementaria de mobiliario urbano, iluminación e vexetación, de xeito que se convertan en rúas de clara prioridade peonil e ciclista.

A este respecto, desde o Concello están a avanzar na redacción dos diferentes proxectos.

O alcalde, Juan Manuel Rey, explicou que a humanización e mellora da contorna do Bermaña e da rúa San Roque, do Campo da Torre e da rúa Gaioso, servirá para completar a reforma urbana de todo o núcleo " e suporá un avance definitivo para a mellora de todo o centro histórico de Caldas dándolle prioridade peonil e homoxeneizando os pavimentos".