O pleno do Concello de Caldas de Reis aprobou este xoves, cos votos favorables de PSOE e a abstención do PP e do BNG, diversos acordos de suplemento de crédito financiados con remanentes de tesourería e créditos extraordinarios para investir máis de 60.000 euros na planificación, potenciación e promoción do comercio e o turismo no municipio.
Deste modo, o Concello informou que desenvolverá no último trimestre deste ano un plan de marketing e comunicación dixital de Caldas como destino turístico, deseñando novos productos e experiencias, e establecendo unha imaxe e estratexia global, atractiva e diferenciadora. Este plan complementará outros traballos que xa están desenvolvendo para a posta en valor dos recursos culturais e turísticos da vila termal.
Así mesmo, no pleno acordaron financiar a producción dun vídeo promocional e seis clips temáticos que contribúan á promoción de Caldas como destino turístico de cultura e natureza no Camiño Portugués, e aprobaron a elaboración dun plan de continxencia do comercio e a hostelería local para afrontar a actual crise sanitaria, deseñando accións de promoción dirixidas a poboación local e comarcal, visitantes e viaxeiros.
Por outra banda, aprobaron dotar un convenio de colaboración co Centro Comercial Aberto de Caldas para financiar diversas actividades e servizos desta entidade para a promoción do comercio local, e o Concello investirá máis de vinte mil euros na mellora do interior da Praza de Abastos e na rehabilitación da súa fachada posterior, o que contribuirá tamén á súa dinamización.
O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, mostrouse satisfeito pola aprobación das modificacións orzamentarias e destacou que "a boa situación económica do Concello permítenos investir máis de medio millón de euros en diferentes obras e actuacións municipais dando un forte impulso á economía local no último trimestre deste ano".
Pola súa parte o Concelleiro de Facenda e Comercio, Jacobo Pérez, destacou "a colaboración co sector comercial e da hostalería para atender as súas demandas e necesidades ante a crise sanitaria actual e programar o relanzamento destes sectores estratéxicos para a economía local".