Caldas de Reis desafía a choiva para protestar contra o estudo da variante oeste

Umia
29 de novembro 2025
Actualizado: 30 de novembro

As agrupacións convocantes da protesta, que congregou este sábado preto de 2.000 veciños segundo a organización, confían en que a súa voz "fose escoitada polo Ministerio"

Manifestación en Caldas de Reis contra o estudo da Variante Oeste Concello de Caldas de Reis

Preto de 2.000 persoas, segundo os seus organizadores, desafiaron este sábado 29 de novembro á choiva para protestar polas rúas de Caldas de Reis contra o estudo da variante oeste exposto polo Ministerio de Transportes.

A manifestación estaba convocada polas plataformas veciñais afectadas polo proxecto (Bemil, Arcos, Santa María, Godos e Saiar), contando co respaldo de todas as agrupacións políticas municipais.

De feito á cabeza da comitiva e tras a pancarta principal atopábanse estaban os portavoces das plataformas acompañados polo alcalde, Jacobo Pérez; o tenente de alcalde, Manuel Fariña, e o portavoz do Partido Popular, Fernando Pérez, en representación dos tres grupos da corporación caldense.

Manifestación en Caldas de Reis contra o estudo do Variante OesteConcello de Caldas de Reis

"Mentres non se cumpran as nosas peticións o Ministerio vaise atopar coa oposición frontal dos veciños e veciñas", aseguraron os participantes na protesta.

A marcha partiu da entrada do Hotel Sena percorrendo algo máis dun quilómetro a través da estrada N-640 até finalizar na Praza das Palmeiras.

Á súa conclusión os representantes das plataformas veciñais tomaron a palabra lembrando que Caldas de Reis necesita acougar e reducir o tráfico rodado para mellorar a súa seguridade viaria pero "non a costa de derrubar casas e non ter en conta á xente".

Manifestación en Caldas de Reis contra o estudo do Variante OesteConcello de Caldas de Reis

Tanto os colectivos como o Concello de Caldas insisten en que a futura actuación non inclúa a construción do acceso ao porto de Vilagarcía, ao ser o aspecto que máis impacto ten sobre o municipio.

Rercordaron ademais as preto de 5.000 alegacións presentadas contra o proxecto actual.

José Panadero, portavoz das plataformas afectadas agradeceu "a unión e o compromiso de todas as forzas políticas" así como "o apoio cidadán ás nosas reivindicacións", confiando en que a voz dos veciños "fose escoitada polo Ministerio".