Cambios no proxecto obrigan a ampliar as expropiacións para o saneamento de Tenorio

Cerdedo Cotobade
07 de outubro 2017

Quince parcelas máis, na zona próximo ao río, terá que adquirir o Concello de Cerdedo-Cotobade pola vía de expropiación para poder executar a construción do saneamento de Tenorio. Unha serie de cambios no proxecto, entre eles a modificación do punto de vertedura, obriga ao goberno municipal a ter que afrontar este trámite

Tenorio, Cerdedo-Cotobade Concello de Cerdedo-Cotobade

Quince parcelas máis, na zona próximo ao río, terá que adquirir o Concello de Cerdedo-Cotobade pola vía de expropiación para poder executar a construción do saneamento de Tenorio. Unha serie de cambios no proxecto, entre eles a modificación do punto de vertedura, obriga ao goberno municipal a ter que afrontar este trámite.

O executivo local xa presentou e aprobou en pleno o correspondente expediente, que agora comezará a tramitarse coa maior axilidade para que se poida proceder á licitación da obra, cifrada en 1,8 millóns de euros e financiada pola Consellería de Medio Ambiente. 

O Concello contaba coa titularidade das 80 propiedades afectadas inicialmente pola actuación, a maioría delas acadadas a través dunha cesión de colaboración veciñal, pero a Xunta optou por mellorar e ampliar o proxecto desta rede de sumidoiros modificando o punto de vertedura e as zonas de evacuación e solicitou ao Concello que se fixera cos terreos necesarios

Non se desbota que haxa cesións, pero o goberno municipal destaca que deste xeito garántese que a obra se acometerá en prazo aínda que se enquiste algunha negociación cos particulares. 

Cando se remate coa habitual burocracia deste procedemento, o Concello traspasará a titularidade dos novos predios afectados a Augas de Galicia e permitirá que se licite a execución desta complexa obra, posiblemente xa no vindeiro ano.

Este proxecto de saneamento é dos de maior dificultade e amplitude do rural galego, xa que beneficiará a preto de 1.200 veciños dunha parroquia de grandes dimensións

O presidente municipal, Jorge Cubela, agarda que, definida a ampliación dos terreos afectados, a tramitación burocrática "sexa o máis áxil posible" para que a obra, "das máis ambiciosas desta lexislatura", comece canto antes.