A asociación cultural e deportiva de Campañó foi este xoves, 1 de maio, a gran vencedora da Festa dos Maios que, fiel á tradición, se celebrou na Praza da Ferrería e, animada polo bo tempo, tivo moito éxito de asistencia.
Este colectivo gañou o primeiro premio ao Maio, o primeiro á Coroa e tamén o Premio Especial Maios e o segundo nas categorías de Cantigas e Interpretación.
No caso do premio do xurado, este ano foi ex aequo para os maios de San Xulián e o CEIP Froebel.
No premio ao Maio, ademais do primeiro posto de Campañó, resultaron premiados os proxectos de Marcón (2), CEIP Campolongo (3) e CEIP Marcos da Portela (4).
Na categoría de Cantigas, o primeiro premio foi para o CEIP Marcos da Portela e tamén resultaron premiados os proxectos de Campañó (2), CEIP Campolongo (3) e Marcón (4).
No caso da Interpretación, o primeiro premio foi para o CEIP Campolongo e tamén resultaron premiados os proxectos de Campañó (2), CEIP Marcos da Portela (3) e CEIP Froebel (4).
Na categoría de Coroa, ademais do primeiro posto de Campañó, resultaron premiados os proxectos de Marcón (2), CEIP Macos da Portela (3) e Maio de Figueirido (4).
A benvida á festa deuna este ano a historiadora María Vidal Solla, que lembrou que se trata dunha "tradición secular na nosa cidade" e deu as grazas ao Concello, as persoas participantes e o público porque "estades contribuíndo activamente á transmisión dunha das nosas tradicións mais senlleiras" .
Dos maios María Vidal quixo destacar que "son verdadeiras crónicas da vida e da actualidade" e que "son crítica, retranca, humor... e amor polo noso nestes tempos no que todo está globalizado e estandarizado".
"O maio é tamén un espazo de creación e construción colectivas, o que semella unha reminiscencia do pasado nunha sociedade tan individualista e personalista como a presente", destacou a historiadora, defensora da "necesidade de preservar estas manifestacións culturais que son tamén elementos de cohesión social".
Tamén fixo fincapé en que este 17 de maio, o Día das Letras Galegas está adicado á poesía popular de transmión oral, personificada na figura das cantareiras Eva Castiñeira (Muxía), Adolfina e Rosa Casás (Cerceda) e Prudencia e Asunción Garrido e Manuela Lema (Mens), unha "merecidísima e agardada homenaxe" que fan extensiva a todas aquelas muleres creadoras e transmisoras dun "enorme legado"
"Sen saber ler nin escribir, foron quen de compoñer cantigas dunha calidade literaria e dunha beleza extraordinarias e, ademais de contribuír á conservación e transmisión da lingua e da nosa idiosincrasia, foron tamén grandes interpretes e xenerosas informantes das que temos exemplos na nosa cidade", sinalou María Vidal, para pasar a mencionar a Elena Alonso, que rexentou durante moitos anos o bar Carabela.