Campelo presumirá de cultura mariñeira cunha Festa da Ameixa que quere ser "escaparate" do sector

Poio
16 de setembro 2025

A festa celébrase na Praza da Granxa, en Campelo, do 26 ao 28 de setembro. Dasoul, un dos artistas de música latina con maior proxección dos últimos anos, será o principal atractivo da Gala da Ameixa

Presentación da 37ª Festa da Ameixa de Campelo

Gastronomía, música e lecer nun ambiente mariñeiro, co obxectivo de render culto ao produto estrela da ría de Pontevedra, as ameixas. É o que ofrecerá a Festa da Ameixa de Campelo, que celebrará a súa edición número 37 entre os días 26 e 28 de setembro.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, acompañado polos patróns maiores das confrarías de Raxó, San Telmo e Lourizán e por representantes das asociacións colaboradoras, presentou este martes a nova edición desta festa nun acto que acolleu a lonxa de Campelo.

A Festa da Ameixa quere ser un "escaparate" do sector, segundo destacou Moldes, e por iso só se servirán produtos extraídos da ría de Pontevedra.

Así, a carpa degustación volverá ser o punto no que se poderá saborear, de venres a domingo, ameixas á mariñeira (9,50 euros), fideos con ameixas (8,50 euros) e arroz con ameixas (8,50 euros).

A carpa xa estará aberta desde as 20.00 horas do venres, unha novidade incorporada na última edición e que resultou ser un éxito, mentres que o sábado poderase consumir as ameixas de 12.00 a 16.00 horas e de 20.00 a 23.00 horas, e o domingo, de 13.00 a 16.00 horas.

Festa da Ameixa de Campelo 2024Concello de Poio

"Este evento pon en valor a cultura mariñeira e marisqueira de Campelo. É unha oportunidade enorme para a desestacionalización e sostibilidade turística do concello, pero sobre todo para enxalzar un produto excelente, a nosa gastronomía e á nosa xente do mar", subliñou o alcalde.

Como é habitual, a celebración comezará o venres cun acto moi especial: a entrega da Ameixa de Prata ás mariscadoras e mariscadores que se xubilaron ao longo do último ano.

Serán homenaxeadas doce persoas pertencentes ás tres confrarías que desenvolven a súa actividade en Poio, recoñecendo así unha vida enteira de dedicación ao mar.

GALA DA AMEIXA CON DASOUL, LA DÉCADA E ADRIÁN MESÚ

No apartado musical, o sábado 27 celebrarase a Gala da Ameixa, coas actuacións de Dasoul, El regreso de La Década en vivo e unha sesión co DJ Adrián Mesú. É unha gala con entrada gratuíta, con música orientada para todas as idades e que comezará a partir das 21.30 horas.

A música estará moi presente durante toda a fin de semana tamén coas sesións vermú o sábado e o domingo, ás 13.30 horas, coas actuacións de Sin Reserva Acústico e Uno más, respectivamente. E o domingo, ás 19.00 horas, a orquestra Los Players animará a festa.

Ademais, haberá canción mariñeira o venres con Cantos de Terra e Bahía de Tambo e o domingo con Son das Corbaceiras. E durante toda a fin de semana actuarán agrupacións locais como Vides Novas, a Escola de Música Tradicional de Poio e a Escola de Acordeóns de Campelo.

Os fogos artificiais, pola súa banda, pecharán a Festa da Ameixa o domingo ás 22.00 horas.

Pensando nas familias, o Concello volverá ofrecer ludotecas infantís gratuítas con monitores, que organizarán xogos e actividades para os máis pequenos tanto o sábado como o domingo, en horario de mediodía e tamén pola tarde, de13.00 a 16.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas.

Ademais, como complemento á 37ª edición da Festa da Ameixa, o Concello de Poio tamén organiza unhas xornadas técnicas e gastronómicas para poñer en valor este produto.

Dentro da programación haberá relatorios, mesa redonda con axentes do sector así como un obradoiro de showcooking e degustación gastronómica coa ameixa como protagonista.

A Festa da Ameixa de Campelo volve así cunha programación "diversa, moi potente e de calidade, pensada para todos os públicos e fiel á súa identidade", resumiu o alcalde de Poio.