O campo de fútbol da Seca estrea os novos vestiarios esta fin de semana

Poio
21 de novembro 2024

A partir de agora, contarán con dous novos vestiarios, un para o equipo local e outro para visitantes debaixo da grada

Vestiarios do campo de fútbol da Seca Concello de Poio

Os novos vestiarios do campo de fútbol da Seca, en Poio, xa estarán en funcionamento esta fin de semana.

Darase resposta así unha vella reclamación de clubs e usuarios para contar con espazos "cómodos e de calidade" sen necesidade de desprazarse a outras instalacións deportivas da contorna para cambiarse, como por exemplo o campo da Reiboa ou o ximnasio.

"Estamos respondendo a unha demanda que vén de lonxe por parte de todos os equipos e deportistas, tamén nosa cando formábamos parte da oposición, dotándoos duns vestiarios acordes ás instalacións do campo de fútbol da Seca", sinala o concelleiro de Deportes, Tucho Muíños.

Así, esta fin de semana, os clubs xa poderán estrear estes novos vestiarios que estarán dispoñibles tamén para os adestramentos.

Con toda a actividade que hai no campo, onde xogan moitas categorías de diferentes clubs locais cos adestramentos e partidos ao longo de todo o día, un vestiario resultaba totalmente insuficiente e obrigaba aos equipos a desprazarse ata outros espazos da contorna, unha molestia que empeoraba en días de choiva.

A partir de agora, contarán con dous novos vestiarios, un para o equipo local e outro para visitantes debaixo da grada, onde adaptaron o espazo dos antigos baños e a sede da Socidedade Cultural Deportiva.

Cada vestiario conta con duchas, zona para cambiarse e baño. Neste proxecto investíronse máis de 40.000 euros.

Tucho Muíños destacou o obxectivo do goberno local de mellorar e ampliar as instalacións deportivas municipais.

Segundo repasou, ademais de crear estes dous novos vestiarios, tamén se corrixiron os problemas de condensación no pavillón de Lourido e se ampliouse o horario e os controis de aforo no ximnasio municipal.

O Concello asumiu ademais a concesión da nave de piragüismo de Combarro para poder facer investimentos nesta instalación, "e xa estamos a traballar para crear unha pista multi-deporte en Vilariño", engade.