Campolongo reclama "deixar de dar voltas" co destape do Gafos "e saber se o van a abrir ou non"

Pontevedra
11 de outubro 2023

Os veciños entenden que "igual é necesario" facer o estudo xeotécnico que encargou o Concello para analizar a viabilidade deste proxecto, pero os veciños non aceptarán que se renuncie a este proxecto ou que se poidan perder os fondos europeos asociados a el. Consideran que o destape do Gafos é unha actuación "transversal" para Pontevedra

Directivos da asociación veciñal San José Campolongo no treito cuberto do Gafos Mónica Patxot

Os veciños de Campolongo aseguran estar preocupados polo futuro dunha das súas principais reivindicacións, o proxecto para destapar o tramo cuberto do río Gafos. "Queremos saber se o van abrir ou non", aseguran os seus portavoces.

Así o sinalou o presidente da asociación de veciños San José de Campolongo, Juan Loureiro, que reclamou ao goberno municipal que "vai sendo hora de deixar de dar voltas e poñer desculpas" porque consideran que esta actuación é "fundamental" para a cidade.

Entenden que "igual é necesario" facer o estudo xeotécnico que encargou o Concello para analizar a viabilidade deste proxecto, pero os veciños non aceptarán que se renuncie a este proxecto ou que se poidan perder os fondos europeos asociados a el.

O destape do Gafos é unha actuación "transversal" para Pontevedra, segundo Loureiro, porque permitiría "darlle unha volta" ao barrio de Campolongo e, ao mesmo tempo, transformar a cidade e abrila "cara a un espazo máis verde".

"Xa está ben de que nos tenten tomar o pelo nesta historia", subliñou o dirixente veciñal, que teme que se se perde a subvención concedida por Europa este proxecto "desaparecerá do mapa de infraestruturas do Concello".

Juan Loureiro reiterou que "non pode ser que eses cartos vaian a outro sitio ou se perdan", polo que asegura que "se consideran que non é viable" destapar todo o tramo oculto do Gafos, polo menos o ffagan coa zona máis próxima a Alcalde Hevia

Os veciños afirman que "nos dá igual" quen impulsara este proxecto no pasado mandato, porque "cando existe un goberno e unha obra se compromete xa queda comprometida", polo que pelexarán porque se cumpran as súas demandas.

A este respecto, avanzaron que a próxima semana reuniranse con diversos colectivos ecoloxistas, entre eles Vaipolorío, para facer unha fronte común e non descartan realizar un chamamento máis amplo a toda a cidadanía para defender esta actuación.