O Concello de Sanxenxo renovará a carpinteria interior dos campos de fútbol da Lanzada, O Revel e Baltar.
Forma parte das actuacións para mellorar as instalacións deportivas municipais, pois as portas existentes presentan unha deterioración significativa debido ao uso continuado e a exposición a condicións ambientais adversas, o que afecta á súa funcionalidade e estética.
A Concellaría de Deportes, a través do II Plan de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra, acometerá a substitución das portas cun investimento de 34.661 euros.
En total, substituiranse 42 portas e a actuación mellorará a funcionalidade e aparencia das instalacións e tamén garantirá un cumprimento óptimo das normativas vixentes.
O prazo de execución é dun mes e o de garantía de 24 meses.
Esta actuación súmase á renovación do céspede dos dous campos de fútbol de Baltar e Noalla. Limonta Sport Ibérica levará a cabo o cambio do terreo de xogo en modalidade de renting durante un período de 48 meses e supón un investimento total de 627.478 euros, financiados con fondos municipais.
Os novos terreos de xogo contarán con céspede artificial de última xeración, apto tanto para fútbol 11 como fútbol 7, e homologado baixo os exixentes estándar FIFA Quality Prol for Football Turf.
Os traballos comezarán no campo de Baltar, que será a primeira instalación municipal en entrar en obras.
Durante este período, os equipos que adestran ou compiten alí serán recolocados temporalmente noutros campos municipais. Unha vez finalizadas as obras en Baltar, procederase do mesmo xeito co campo de Noalla.