Cancelados polo coronavirus a Feira de Cuspedriños e o San Xoán de Cerdedo

Cerdedo Cotobade
18 de abril 2020

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de decretar, tras o correspondente acordo do goberno local nunha xuntanza telemática dos seus nove compoñentes, a cancelación de todos os eventos municipais dos vindeiros meses de maio e xuño, o que supón a suspensión destas dúas populares celebracións

XIII Feira de Cuspedriños Diego Torrado

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de decretar, tras o correspondente acordo do goberno local nunha reunión telemática dos seus nove compoñentes, a cancelación de todos os eventos municipais dos próximos meses de maio e xuño.

Na práctica isto supón a suspensión de dous populares eventos, como son a Feira de Cuspedriños e o San Xoán de Cerdedo.

A primeira delas estaba fixada para o primeiro domingo do mes de xuño, na que debía ser a súa 14ª edición e na que se pretendía volver reunir preto de 3.000 persoas neste lugar de San Xurxo de Sacos.

Pola súa banda o San Xóan de Cerdedo adoita reunir durante a noite do 23 de xuño máis dun milleiro de persoas na contorna da praia fluvial.

"Pase o que pase co Estado de Alarma e coa evolución da crise, está claro que non se van a poder celebrar grandes reunións e eventos multitudinarios, así que, por responsabilidade e seguridade sanitaria, xa nos adiantamos e decidimos a súa suspensión, que é unha mágoa pero é o mellor para todos", sinalou respecto diso da decisión o alcalde, Jorge Cubela.

Ademais o goberno local convidou ás asociacións e entidades que teñen programados actos nos dous próximos meses a que sigan o exemplo e procedan á súa cancelación xa que "aínda que mellorase a situación non cremos que se poidan celebrar nin co Real Decreto actual nin coas restricións", explicou o rexedor municipal.