Cando os problemas técnicos dificultan impartir xustiza

Pontevedra
28 de febreiro 2017

O mal funcionamento do sistema de gravación instalado dentro da sala de vistas para documentar tanto en audio como en vídeo toda a sesión está a causar problemas á Sección Segunda da Audiencia, que ten dúas sentenzas sen ditar porque a proba non se gardou

Sala de vistas da Audiencia de Pontevedra Mónica Patxot

A informática e a tecnoloxía estanse a converter nun auténtico pesadelo para a Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra. Hai xa meses que sufría dificultades asociadas ao sistema para realizar videoconferencias, pero desde principios deste ano 2017 atopáronse cunha a maiores causada polo sistema de gravación instalado dentro da sala de vistas para documentar tanto en audio como en vídeo toda a sesión. 

O maxistrado presidente da sección, Xosé Xoán Barreiro Prado, recoñeceu estas dificultades este luns raíz dun problema detectado nun xuízo que se renovou contra dous acusados de participar nunha agresión sexual nas festas de Lalín. Durante a segunda sesión da vista o xoves 23 de febreiro, o sistema non funcionou correctamente e deixou de gravar a seis testemuñas

Desde a posta en marcha destes sistemas de gravación, o secretario xudicial xa non levanta actas como as de anos atrás, senón que a acta completa é a propia gravación e limítase a unha documentación máis. Neste caso, ao non haber audio nin vídeo, deberán comprobar se a acta levantada é satisfactoria para as partes e, en caso contrario, volver chamar aos seis testemuñas a declarar

Neste xuízo en concreto, o problema pode ser facilmente liquidado porque aínda se está celebrando e non será complicada a citación de tan só media ducia de persoas, pero os problemas co sistema de gravación veñen de atrás e deixaron á sala en problemas con polo menos dous casos. O tribunal da Sección Segunda ten dúas sentenzas pendentes de poder resolver porque non se gravou ningunha parte do xuízo

Un dos dous casos afectados é o relativo a un xuízo por estafa continuada na instalación de casas prefabricadas de madeira contra J.M.M.R., xerente da mercantil de Viascón (Cotobade) RFO S.L., que se enfronta a unha pena de sete anos de prisión e unha multa de 372.240 euros. A vista oral celebrouse o 17 de xaneiro e o sistema non recolleu a sesión. Especialistas da Xunta de Galicia están a tentar recuperar a gravación, pero, no caso de que non o consigan, deberá repetirse toda a proba, co consecuente prexuízo tanto para as presuntas vítimas como para o resto de testemuñas e, ademais, o traballo engadido da Sección Segunda. 

Solucionar estes problemas técnicos, do mesmo xeito que as dificultades co sistema de videoconferencia, é responsabilidade da Xunta de Galicia, pois os equipamentos xudiciais son responsabilidade da administración autonómica, segundo lembran desde a Audiencia Provincial.