Nos últimos tres meses, como consecuencia dos sucesivos temporais, as obras do parque da Parda sufriron un "pequeno retraso". Así o recoñeceu este mércores o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
A pesar de que asegura de que estes traballos están a avanzar "moi ben", coas choivas caídas durante este inverno "practicamente foi imposible traballar".
Durante este tempo, as actuacións que realizaron Construcciones Ramírez e COVSA na parcela entre os xulgados e Entrevías, paralela á estación de trens, limitáronse a facer achegas de area para nivelar os terreos.
A este respecto, Fernández Lores sinalou que esta achega tivo que ser finalmente maior da prevista, até uns cen mil metros cúbicos de area "e aínda queda incorporar máis nalgunhas zonas".
O alcalde insistiu en que confía en que este novo parque, que será o máis grande a cidade con máis de 34.000 metros cadrados, estea terminado a principios de 2027. "Se pode ser, canto antes", defendeu na súa visita ás obras.
"Estou encantado porque isto vai significar unha mellora da calidade de vida do barrio da Parda, pero tamén para toda Pontevedra", subliñou o rexedor pontevedres, que lembrou que esta zona verde será para o goce de toda a cidadanía.
Este parque suporá, reiterou Lores, un "salto importante" na Pontevedra máis verde, porque permitirá conectar A Parda coa ría a través de itinerarios naturais "de alta calidade" ao longo de todo o trazado do Río Gafos.
Este parque contará cunha área de xogos infantís, unha zona de pradaría, dous aparcadoiros, un cara aos xulgados e outro cara á Rúa Entrevías, con capacidade para uns 220 vehículos, e unha canle de auga que cruzará todo o terreo.
Esta canle será un circuíto pechado con auga da traída, avanzou o alcalde, porque, a diferenza do esperado, non se detectou ningún nacemento natural de auga. "Se non apareceu co que choveu este ano vai a ser difícil que volva", sinalou.
Ademais, os técnicos están a estudar incorporar unha zona de xogos urbanos, que estaría entre o futuro pavillón -que ata que se constrúa será unha pradaría- e Entrevías, aínda que Lores apuntou que este proxecto "aínda non está definido".
Aínda que o novo pavillón vaia tardar máis en executarse, quedarán listas todas as conexións coas redes de abastecemento de auga e saneamento, de forma que todos os servizos queden "perfectamente situados" para o futuro.