Un escudo de España, elaborado en granito do país -procedente de Outeiro de Rei (Lugo)- e que pesa uns 1.000 quilos. É a peza deseñada polo persoal do CIFP Cantería de Galicia para a Brilat.
Esta obra, que ten unhas dimensións de 1,5 x 1 metros, foi inaugurada este mércores nun acto celebrado na base General Morillo, sede desta brigada militar.
Ata alí acudiu o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, que visitou o complexo acompañado do xeneral Alfonso Pardo de Santayana Galbis, o máximo responsable desta unidade.
No marco da súa visita, Rodríguez coñeceu tamén os diferentes programas formativos que se desenvolven na Brilat, así como os servizos educativos e de conciliación que ofertan nas súas instalacións.
O conselleiro subliñou o traballo que se realiza no CIFP Cantería de Galicia, ao que se está a dar visibilidade a través de diferentes exposicións e cesións de pezas, a última delas a escultura da Virxe do Carme colocada no porto pesqueiro do Berbés, en Vigo.
O centro ofertará para o vindeiro curso 2025/26 catro titulacións de alta especialización cun total de 96 prazas.
Serán, en concreto, os ciclos en pedra natural, a FP básica en reforma e mantemento de edificios e a FP dual intensiva nas especialidades de construción, proxectos de edificación e o novo ciclo medio de escavacións e sondaxes dual intensivo.
Román Rodríguez destacou a calidade desta formación, con itinerarios deseñados en coordinación co sector produtivo para dar resposta a perfís técnicos moi demandados polas empresas e mellorar así a empregabilidade do alumnado.
A este respecto, animou a matricularse nestes ciclos, nos que aínda quedan prazas libres para comezar no mes de setembro.