Carballedo abre a venda de convites para o xantar popular da Festa do Petote

Cerdedo Cotobade
01 de marzo 2017

Os tíckets teñen un prezo de 15 euros. A cita gastronómica será o domingo 12 e contará con xogos para nenos, mostra de postres, música con Foula e Charandonga, postos de produtos e sorteos

Festa do Petote 2016 Diego Torrado

O Concello de Cerdedo-Cotobade xa ten pechados todos os detalles organizativos da oitava edición da Festa do Petote, que se celebrará o domingo 12 de marzo no pavillón municipal de Carballedo como peche aos actos do Entroido 2017 e que xa ten aberta a venda de convites para asistir ao xantar popular.

As persoas interesadas en asistir a esta cita gastronómica, que cada ano conta con máis siareiros e que en 2016 bateu récord de asistencia con 500 comensais, teñen os tíckets á súa disposición ata o vindeiro venres 10 de marzo en once puntos da bisbarra de Terras de Pontevedra.

Os convites poden adquirirse en A de Tucho (Augasantas), A Vosa Taberna (Borela), A de Perdiz (Augasantas), Bar Conchi (San Xurxo de Sacos), Casa Blanco (As Lagoas-Rebordelo), A Chan (Carballedo), A de Ángel (Tenorio), Donegal ́s (Pontevedra), Ernesto Filgueira (Pontevedra), O Brasileiro (A Lama) e A Rampla (Cerdedo).

Os tíckets, que están fixados a un prezo de 15 euros, inclúen un cocido completo con petote, café e postre e ademais repartiranse botellas de viño e auga nas mesas para cada catro comensais. O prezo para os menores de seis anos é de 5 euros. Ademais, haberá servizo de bar no recinto para quen queira mercar máis bebidas.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES

O programa de actividades da VIII Festa do Petote arrancará ás 12.00 horas coa apertura dos inchables e xogos para nenos e os postos de venda de produtos galegos e de comida vexetariana e vegana a cargo de A tenda da gata, de Pontevedra.

Xa dende as 13.00 horas, celebrarase, ao igual que o ano pasado, un showcooking de postres caseiros propios do Entroido, como filloas, orellas e flores, a cargo de A tenda da gata.

En torno ás 14.30 horas, está previsto que se comecen a repartir os menús de cocido e petote, elaborados, como en 2016, por Catering Senín, de Moraña. Toda a xornada contará coa animación músical por parte do grupo de gaitas Foula e da charanga Charandonga. Así mesmo, haberá un sorteo entre os asistentes dunha cesta de produtos galegos.

Deste xeito, a Festa do Petote consolídase como o evento gastronómico central en torno a este bolo de millo propio do cocido de entroido na provincia de Pontevedra, xa que na semana anterior celebrarase a cita co Bolo do Pote en Marín e sete días despois a do Lacón con Petelo na Cañiza.