Cáritas converte a roza nunha oportunidade de emprego

Pontevedra
23 de xullo 2026

Oito persoas en situación de vulnerabilidade reciben formación especializada en traballos forestais básicos no CFEA de Lourizán

Arredonda forma en Lourizan a futuros brigadistas de la empresa Cáritas Diocesana

Coidar unha leira, limpar a broza ou manter un xardín pode parecer unha tarefa cotiá, pero detrás deses traballos hai moito máis. Esa é a idea coa que Cáritas Diocesana de Santiago puxo en marcha Arredonda, unha nova empresa de inserción que quere demostrar que o mantemento do territorio pode servir, ao mesmo tempo, para crear emprego entre quen máis dificultades teñen para atopalo.

O proxecto, que botou a andar o pasado mes de maio, comezou traballando sobre 86 parcelas que suman unhas 120 hectáreas, aínda que a previsión é que esa superficie siga crecendo a medida que se incorporen novos terreos, tanto da diocese como de administracións, empresas e particulares.

A directora de Cáritas Diocesana de Santiago, Pilar Farjas, destacou durante a presentación que a iniciativa combina tres obxectivos: a inclusión social, o coidado do medio ambiente e o compromiso coa comunidade. "Cada parcela coidada é tamén unha historia de dignidade e de futuro. A prevención de incendios e a inserción social van aquí da man", sinalou.

A actividade de Arredonda abarca desde a roza e a limpeza de parcelas até as podas ou o mantemento de xardíns e zonas verdes, sempre cunha planificación adaptada ás necesidades de cada intervención.

Nun momento no que o abandono do rural aumenta a acumulación de biomasa e, con ela, o risco de incendios, a iniciativa pretende converterse nun recurso útil tanto para propietarios como para administracións.

Pero o proxecto non se limita ao traballo sobre o terreo. Detrás hai tamén un importante esforzo de formación. Este mércores, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Martín Alemparte, visitou o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán, onde oito persoas participan nun curso específico de mantemento de xardíns e zonas verdes organizado en colaboración con Cáritas.

A formación, que suma 80 horas entre clases teóricas e prácticas, inclúe o manexo de rozadoras e outra maquinaria de xardinaría, ademais da preparación para obter o carné básico de aplicador de produtos fitosanitarios.

Arredonda forma en Lourizán a futuros brigadistas da empresa Cáritas Diocesana

Os participantes teñen idades comprendidas entre os 18 e os 60 anos e proceden de distintos países como Colombia, Venezuela, Brasil, Guinea ou Alxeria. Algúns residen en recursos de acollida e varios atópanse en procesos de regularización administrativa. Para moitos deles, esta formación representa unha oportunidade para adquirir unha cualificación profesional e achegarse ao mercado laboral.

Trátase da segunda acción formativa impulsada dentro do convenio entre ambas as entidades e busca facilitar a incorporación ao mercado laboral de persoas en situación ou risco de exclusión social.

Durante a visita, Alemparte puxo en valor o papel dos centros de formación agroforestal da Xunta como un recurso público capaz de xerar oportunidades laborais e favorecer a inclusión social.

O obxectivo de Cáritas é que Arredonda creza de forma progresiva. Actualmente a empresa conta cun plantel de cinco persoas formado por un xerente e unha primeira brigada operativa situada na Coruña, integrada por un capataz e tres persoas contratadas en itinerarios de inserción laboral. Este equipo comezou a súa actividade o pasado 8 de xullo e xa está a desenvolver traballos de limpeza e roza de parcelas en Santiago de Compostela, A Coruña e Oleiros.

Arredonda prevé finalizar 2026 con nove persoas contratadas. Trátase dun xerente, dous capataces e seis persoas en inserción distribuídas entre as brigadas da Coruña e Pontevedra.

Arredonda incorpórase ademais ao ecosistema de economía social impulsado por Cáritas Diocesana de Santiago, onde xa funciona Arroupa con Moda Re-, o proxecto dedicado á recollida e reutilización de roupa usada. Esta iniciativa, con máis dunha década de traxectoria, conta actualmente con cinco tendas e dá emprego a 36 persoas, mentres avanza na construción dunha nova planta de tratamento téxtil coa que espera duplicar a súa capacidade e seguir xerando oportunidades laborais para persoas con especiais dificultades de acceso ao emprego.

Con esta nova empresa Arredonda, Cáritas amplía a súa aposta por un modelo no que a actividade económica vai da man do acompañamento social. Neste caso, co beneficio engadido de contribuír a que o monte estea un pouco máis limpo e, por tanto, tamén un pouco máis seguro.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora