Carme da Silva responde ao PP que o plan de compostaxe está en marcha

Pontevedra
06 de setembro 2017

A concelleira acláralle ao Partido Popular que os composteiros que se atopan na nave de Campañó son mostras que deixaron as empresas que optaron á concesión 

A concelleira Carme da Silva
A concelleira Carme da Silva / Mónica Patxot

A concelleira Carme da Silva respondía este mércores ás críticas efectuadas polo Partido Popular, a través do seu portavoz Jacobo Moreira, sobre a paralización na que se atopa o plan de compostaxe

A responsable da xestión de residuos aclarou aos integrantes do PP que os dous colectores que están na nave de Campañó son unha mostra de dúas empresas que optaron á concesión do servizo de recollida e tratamento dos residuos. Insistiu en que alí non se atopan almacenados colectores comunitarios como afirma que deron a entender os representantes do grupo municipal do Partido Popular.

Da Silva indicou que esta mesma semana levará a cabo unha reunión na que se formalizará a técnica de Medio Ambiente que se encargará de establecer os criterios na xestión dos colectores no municipio.

Sinalou que ao longo deste mes está previsto que arranquen todos os traballos para fixar as bases deste proxecto, aínda que a concelleira evitou pronunciarse sobre os prazos da posta en marcha de todo o plan de compostaxe.