O BNG ten claro que detrás do apoio público que Ence recibiu das confrarías de pescadores da ría de Pontevedra hai "presións" políticas e económicas por parte da empresa e da Xunta de Galicia.
Así o denunciou este mércores a tenente de alcalde de Pontevedra e candidata ao Congreso, Carme da Silva.
Tras sinalar que a postura consensuada dos patróns maiores "non é un apoio do sector", Da Silva explicou que "sabemos como actúa o PP" coas subvencións de ámbito autonómico e enmarcou este apoio nunha campaña de defensa á súa continuidade na ría.
O paso dado polas confrarías é "inexplicable", segundo a dirixente do BNG, que engadiu que "non se entende" que os pescadores e as mariscadoras "digan que o marisco da ría é moito mellor porque está Ence".
Carme da Silva lembrou que Ence está inmersa desde hai anos nunha campaña para "tentar comprar vontades" na que, entre outras cuestións, incluíu o plan social da compañía para repartir tres millóns de euros anuais entre colectivos sociais da comarca.
Ante iso, dixo, a "gran maioría" da sociedade pontevedresa "respondeu que non aceptan limosnas" e mantivéronse "firmes" no seu rexeitamento á continuidade da pasteira.