A expresidenta da Deputación de Pontevedra e actual presidenta do Partido Socialista en Galicia, Carmela Silva, asegura sentir unha "profunda vergoña" de que a administración provincial "converteuse, co actual presidente da Deputación, nunha administración que se parece moito á de Louzán", que segundo describiu era "caciquil e clientelar".
Critica a expresidenta que o PP goberna actualmente na Deputación "sen unha soa idea", que está "a vivir de rendas" e "deixando de pór en marcha proxectos tan transformadores como os que o Partido Socialista puxo en marcha".
Asegura que cando gobernaba o PSOE a Deputación "era unha referencia e deixouno de ser", sentenciou.
Tamén dirixiu as súas críticas ao actual presidente da Deputación, Luís López, pola "vergoñosa" forma na que accedeu ao cargo "que tiveron que dimitir todos os concelleiros e concelleiras até chegar ao último suplente para que este señor puidese ser concelleiro e por tanto presidente da Deputación".
Carmela Silva dí de Luis López que "todo o seu mandato estea cheo de irregularidades. Todo o seu mandato".
Con todo, a expresidenta non quixo aclarar esta denuncia "temos moito que falar e farémolo" pero será noutro momento porque "agora nos temos que centrar nesta moción de censura", en referencia á presentada polo Partido Popular no Concello de Forcarei "apoiada nun tránsfuga".
"Pídolle ao presidente da Deputación de Pontevedra que respecte ao municipalismo" dixo Carmela Silva que lembra a Luis López "que el é un órgano intermedio que o que ten que facer é apoiar a transformación dos concellos. Non formar parte da compra-venda".
Segundo Carmela Silva, o líder do PP galego e presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "é o home dos pactos escuros e o presidente da Deputación de Pontevedra é o cómplice".
"Non nos merecemos un presidente da Xunta como o que temos e tampouco nos merecemos un presidente da Deputación de Pontevedra como o que temos. E vouno a dicir con toda claridade, nin ten formación para facelo, nin ten capacidade, nin ten ningún mérito, nin ten ningunha idea", manifestou Carmela Silva.