A Casa Rosada estrea a unidade de atención temperá creada en Poio para menores de 6 anos

Poio
10 de marzo 2025
Actualizado: 16:55

O equipo de profesionais está formado por psicóloga, logopeda e fisioterapeuta pediátrica. O xoves haberá unha sesión de portas abertas e información para as familias do municipio

Unidade de Atención Temperá Concello de Poio

A Casa Rosada xa ten en marcha a primeira unidade de atención temperá do municipio de Poio.

Trátase dun servizo gratuíto que busca previr e actuar ante problemas de desenvolvemento nas crianzas menores de 6 anos.

O alcalde Ángel Moldes, xunto co vicepresidente de Cogami en Galicia, Ramón Sestayo, fixeron este luns unha visita ás instalacións, acompañados polas concelleiras de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, e de Cultura e Educación, Natalia Sabarís.

Moldes destacou que "é un apoio moi importante para axudar ao desenvolvemento e unha oportunidade para as familias do noso concello".

"É un servizo do que estamos moi orgullosos, sabemos que vai supoñer un antes e un despois para a cativada, para os seus diagnoses e para as súas familias", engadiu o alcade.

O servizo, que é gratuíto para as familias, está xestionado por Cogami, que é a entidade que recibiu maior puntuación no proceso de adxudicación, e está formado por psicóloga, logopeda, terapeuta ocupacional e fisioterapeuta pediátrica.

O obxectivo é traballar de xeito conxunto coas familias no coidado, desenvolvemento e autonomía dos nenos para que poidan ter unha mellor vida.

As profesionais xa levan dúas semanas poñendo a punto todo o servizo, facendo un traballo previo e coordinándose cos centros de infantil, cos servizos sociais municipais e cos departamentos de pediatría a nivel local e provincial.

Pola súa banda, o vicepresidente de Cogami Galicia, Ramón Sestayo, animou ás nais e aos pais a facer uso desta unidade de atención temperá de Poio, xa que ofrece "unha atención fundamental para favorecer que os nenos e nenas poidan desenvolver as súas capacidades nesas idades".

O Servizo de Atención Temperá supón un conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e á súa contorna, que ten por obxectivo dar resposta, o antes posible, ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos.

A familia deberá acudir ao servizo de pediatría do centro de saúde que lle corresponda e informará ao pediatra da sospeita de trastorno do desenvolvemento. Será este profesional quen fará o diagnóstico previo, en función do cal derivará á familia á Unidade de Atención Temperá.

Nesta unidade, o primeiro paso será realizar unha acollida, onde expresar as preocupacións e expectativas da familia, para posteriormente facer unha valoración por parte das profesionais e establecer un plan personalizado de intervencións e sesións dependendo de cada caso particular.

Este servizo conta cunha axuda de máis de 266.000 euros da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e da Rede Galega de Atención Temperá, e está cofinanciado co Fondo Social Europeo.

Para dar a coñecer este servizo á poboación, este xoves día 13 organízase unha sesión informativa e xornada de portas abertas a partir das 18.00 horas.