Case 150.000 euros permitirán reparar a rede viaria de Cuntis afectada polos temporais

Umia
10 de maio 2022

O Concello de Cuntis destina 149.950 euros a estas obras. Os responsables técnicos da empresa adxudicataria Covsa están a realizar o repranteo e marcaxe das zonas onde será necesario intervir. Os traballos contemplarán a limpeza e a preparación das canalizacións de pluviais de cara ao vindeiro inverno

Zona afectada polos temporais en Cuntis Concello de Cuntis

Ao longo dos vindeiros días iniciaranse as obras para mellorar as vías municipais afectadas polos temporais do inverno de 2021. O Concello de Cuntis investirá un orzamento de 149.950 euros, que irá destinado a cubrir fochancas e renovar a pavimentación destas vías situadas nas oito parroquias do municipio.

Tamén se realizará unha intervención na pista que une os lugares de Magán e Requián, na zona limítrofe co municipio da Estrada. "Foi unha petición que nos realizaron os veciños desta zona e que atenderemos", promete o alcalde Manuel Campos.

Durante estas xornadas, persoal técnico municipal e tamén da empresa concesionaria das obras, Covsa, realizaron actas de reformulo para iniciar as obras de reparación dos espazos danados. Ademais, aproveitarase para realizar a limpeza e preparación de todas as canalizacións de pluviais para evitar que as  escorrentías do próximo inverno provoquen danos no asfalto.

O alcalde lembra que Cuntis conta cunha rede de estradas secundarias moi ampla e moi danada polo efecto das choivas no pavimento, que agora está previsto liquidar. Manuel Campos considera " importantísima" esta obra, que sufriu un atraso debido á obrigatoriedade de sumar os informes favorables doutras administracións afectadas. O proceso foi longo e lento, segundo recoñece o propio alcalde, que espera o inicio das obras tras marcarse xa as zonas de actuación.