O pavillón de deportes de Cerdedo acollerá este martes 23 de xuño a tradicional Festa de San Xoán, para a que se venderon un total de 670 tickets, converténdose así nunha das citas festivas máis multitudinarias do municipio.
O evento arrancará ás 21:30 horas cunha gran cea popular que incluirá churrasco, sardiñas, viño con denominación de orixe Ribeiro e pan.
Ademais, os asistentes poderán gozar dunha degustación de produtos con indicación xeográfica protexida a través de diferentes stands habilitados para a ocasión.
Á medianoite celebrarase un dos momentos máis agardados da noite coa tradicional queima do meigallo na fogueira de San Xoán, unha cerimonia cargada de simbolismo que cada ano reúne a veciños e visitantes arredor do lume.
A festa prolongarase coa animación musical da disco móbil On by Chito.
O alcalde de Cerdedo Cotobade, Jorge Cubela, destacou a extraordinaria resposta veciñal á convocatoria dunha festa "que une xeracións arredor das nosas tradicións e que cada ano gaña máis forza" e que combina gastronomía, música, convivencia e tradición.
O rexedor aproveitou para agradecer o traballo dos voluntarios, colaboradores, asociacións e persoal municipal que fan posible a organización deste evento, así como a implicación de todos os participantes, "que son os auténticos protagonistas dunha noite tan especial".
Con esta celebración, o Concello quere manter a súa aposta pola conservación das tradicións populares e pola promoción de actividades que favorezan a convivencia veciñal, a participación social e a dinamización do territorio.