CCOO demanda negociación colectiva no 1º de maio para lograr unha subida salarial

Pontevedra
01 de maio 2023

A marcha de Comisiones Obreras en Pontevedra realizaba un percorrido partindo da praza da Ferrería para rematar diante do edificio do Concello de Pontevedra na rúa Michelena. Reclaman repartición de beneficios que obteñen as grandes e medianas empresas coa clase obreira

Manifestación de CCOO no Primeiro de Maio PontevedraViva

A primeira das catro manifestacións convocadas en Pontevedra con motivo deste 1º de maio foi a protagonizada por representantes, afiliados e simpatizantes de Comisiones Obreras. Partía pasadas as 11.15 horas da praza da Ferrería para realizar un percorrido polo centro da cidade e finalizar ante o edificio na rúa Michelena do Concello de Pontevedra.

Entre outros colectivos, na marcha figuraban traballadoras de Hiperxel demandando unha solución para esta empresa de conxelados que debe salarios ao persoal; representantes de funcionarios municipais que esixen negociación ao goberno que encabeza Fernández Lores; traballadores do servizo de limpeza do Hospital Quirón Saúde e empregados de empresas auxiliares de Ence, que reclaman mellores condicións salariais e laborais.

Na cabeza da manifestación portando a pancarta atopábase Pilar Mosquera, secretaria comarcal de CCOO, que demandaba negociación por parte da patronal para que se repartan os beneficios empresariais e os traballadores pasen a cobrar salarios dignos.

Na mesma liña manifestábase José Luis García Pedrosa, secretario de organización do sindicato en Pontevedra, que explicaba a necesidade de saír á rúa nesta xornada para reivindicar os dereitos da clase traballadora. "Queda moito camiño por percorrer", afirmaba indicando que se perderon moitos dereitos laborais desde a crise económica e, aínda que a última reforma laboral ofreceu maior estabilidade no emprego, denuncia que é preciso resolver a negociación colectiva respecto a os salarios.

Acusa os empresarios de grandes e medianas empresas de incrementar os seus beneficios sen que repercutise no persoal cando a suba de prezos se elevou provocando dificultades en moitos fogares para chegar a fin de mes.