Dúas parcelas situadas no lugar de Rabexe, en Santo André de Cesar, que no seu conxunto suman máis de 82.000 metros cadrados, xa son propiedade municipal.
O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible cedeullas ao Concello de Caldas. Son fincas de 72.690 e 10.065 metros cadrados sobrantes das expropiacións realizadas para a construción da variante da N-550.
Abel Losada, subdelegado do Goberno en Pontevedra, foi a primeira petición que lle planteou o anterior alcalde, Juan Manuel Rey.
Agora, unha vez superados todos os trámites coa Dirección Xeral de Patrimonio do Estado, a cesión xa é unha realidade.
O alcalde actual, Jacobo Pérez, detallou que a cesión destas parcelas responde aos acordos plenarios adoptados en marzo de 2021 e setembro de 2023 e supón unha "boa nova" para Caldas.
Permitirán dispoñer de máis de 82.000 metros cadrados para construír as naves para os servizos municipais de obras e de xestión dos residuos sólidos urbanos, aforrando alugueiros para o Concello, dado que non dispón dunhas instalacións axeitadas.
Pérez tamén adiantou que se situarán alí varias instalacións deportivas para cubrir as necesidades municipais. Ademais, valorarase tamén o aproveitamento como aparcamento de vehículos municipais e zona verde.
O Concello comezará en breve a tramitación urbanística para a aprobación dun plan especial de infraestruturas e dotacións para ordenar axeitadamente estes ámbitos.