O centro da Lama estreará o domingo a nova rúa Jorge Canda cunha placa en recordo do ex alcalde

A Lama
25 de xullo 2025
Actualizado: 18:54

A rúa escollida é a que discorre diante da Alameda, a derradeira obra impulsada baixo o seu mandato. O acto será moi sinxelo, "acorde ás manifestacións de modestia e humildade de Jorge Canda"

Jorge Canda Concello da Lama

Este domingo, 27 de xullo, o nome de Jorge Canda pasará a formar parte do rueiro da Lama. 

O ex alcalde, falecido en setembro de 2024, dará nome a unha rúa e este domingo celebrarase a estrea oficial coa colocación dunha placa sobre un monolito de pedra

Con este acto, previsto para as 19.30 horas, o Concello oficializará a imposición do nome da Rúa Alcalde Jorge Canda.

A rúa escollida é a que discorre diante da Alameda, a derradeira obra impulsada baixo o seu mandato.

O evento contará coa presenza do rexedor da Lama, David Carrera; membros das corporacións municipais anteriores e actual; o presidente da Deputación Provicial de Pontevedra, Luís López; e alcaldes da provincia.

O acto será moi sinxelo, "acorde ás manifestacións de modestia e humildade de Jorge Canda", e consistirá no descubrimento do monolito de pedra coa placa.

Diante depositarán un ramo de flores ao tempo que a Banda de Música Municipal da Lama interpretará o himno de Galicia.

O pleno do Concello da Lama aprobou o pasado 31 de marzo de 2025 dedicarlle unha rúa a Jorge Canda Martínez, unha persoa que foi membro da Corporación municipal durante máis de 30 anos, 28 deles como alcalde.

O falecemento de Jorge Canda, o pasado 1 de setembro de 2024, produciu unha profunda consternación entre a veciñanza da Lama e entre o mundo político comarcal e provincial.