O CEP Campolongo florece na súa anual Exposición da Camelia

Pontevedra
18 de marzo 2025
Actualizado: 19 de marzo

O colexio pontevedrés inaugurou este 18 de marzo unha mostra que exhibe múltiples variedades de camelias, xunto a traballos plásticos e literarios do alumnado en torno ás "Mulleres da camelia"

Exposición da camelia no Colexio de Campolongo Mónica Patxot

O  Colexio de Educación Primaria (CEP) Campolongo  de Pontevedra inaugurou este martes 18 de marzo, a XXIII Exposición da Camelia, un evento que, tal como afirma a directora Reyes Carballo Carballo, reúne desde 2003 a cultivadores, expositores e á comunidade educativa para poñer en valor a importancia desta flor, un símbolo da paisaxe e cultura galega.

A mostra exhibe múltiples exemplares e variedades de camelias, que se presentaron no colexio grazas á colaboración de recoñecidos cultivadores, expositores e entidades vinculadas á camelia como Amigos Tudenses da Camelia ou a  Estación Fitopatolóxica do Areeiro,  adscrita á Deputación de Pontevedra, que leva décadas investigando e promovendo o cultivo desta flor na rexión.

Xunto á mostra de flores naturais, o alumnado do CEP Campolongo presentou diversos traballos plásticos e literarios en torno á figura da camelia, incluíndo carteis e manualidades sobre as "Mulleres da Camelia".

O evento inscríbese nunha longa tradición vinculada á camelia en Galicia, especialmente na provincia de Pontevedra, que se consolidou como un dos principais centros de cultivo e exhibición desta flor.

Proba disto son eventos de gran relevancia como o Concurso-Exposición Internacional da Camelia, celebrado este ano o 22 e 23 de febreiro no Recinto Feiral de Pontevedra, e que congrega cada vez a máis expertos e afeccionados de todo o mundo para compartir coñecementos e admiración por esta flor.

Ademais da propia exposición, aberta ao público desde as 16:30 horas, o evento contou cun acto oficial de inauguración ás 18:00 horas, celebrado no salón de actos do centro.

Neste, realizáronse unha entrega de trofeos e diplomas realizados pola Asociación Juan XXIII, que tamén colabora como expositor, e os alumnados do centro participaron recitando poesías e cancións relacionadas coa camelia.

Á cita acudiron diversas autoridades, como o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o presidente da Deputación, Luis López Diéguez; o vicepresidente e deputado responsable do Museo provincial e do Convento de Santa Clara, Rafael Domínguez; e o deputado de Acción Comunitaria e Fondos Europeos, Javier Tourís, xunto ao presidente da Asociación de Veciños de Campolongo, Juan Manuel Loureiro e representación da Asociación de Nais e Pais do Alumnado (ANPA) San Xosé; ademais do concelleiro de Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez.

A exposición permanecerá aberta ata o xoves 21 de marzo, cun horario de 9:30 a 13:30 e de 16:30 a 19:30.