Cerdedo-Cotobade aproba novas medidas de seguridade para os locais abertos ao público

Cerdedo Cotobade
12 de xuño 2020

Nunha reunión de coordinación cos representantes dos traballadores, acoudouse o reforzo inmediato de toda a seguridade sanitaria, con novas medidas de prevención, aforo e hixiene, nos servizos e dependencias municipais. Estas medidas estenderanse a todos os establecementos, negocios e actividades económicas abertos ao público

Xuntanza de coordinación municipal de seguridade polo coronavirus Concello de Cerdedo-Cotobade

Nunha reunión de coordinación cos representantes dos traballadores, o Concello de Cerdedo-Cotobade vén de acordar o reforzo inmediato de toda a seguridade sanitaria, con novas medidas de prevención, aforo e hixiene, nos servizos e dependencias municipais. Estas medidas estenderanse a todos os establecementos, negocios e actividades económicas abertos ao público.

En concreto, a atención no Rexistro Xeral e nos departamentos de Servizos Sociais, Medio Ambiente e Urbanismo, que son os máis empregados pola veciñanza, só se prestará con cita previa concertada telefonicamente nos números 986 760001 (Carballedo) e 986 753006 (Cerdedo).

A cita previa facilitará unhas condicións de aforo que permitan manter a seguridade tanto dos traballadores municipais como dos usuarios dos servizos. Polo tanto, en todas as instalacións manteranse os protocolos sanitarios con medidas de protección, hixiene e distancia social.

En canto aos establecementos comerciais, nestes días estanse distribuíndo novos materiais desinfectantes e de seguridade a todos os comercios e negocios do municipio para que as medidas adoptadas para as sedes administrativas se estendan a todo local que teña atención ao público, tamén os de carácter privado.

O alcalde, Jorge Cubela, manifestou que todas estas medidas sanitarias postas en marcha están orientadas a preservar a saúde de todos "xa que non se pode baixar a garda nin un chisco agora que mellorou a situación".

Polo demais, nesta xuntanza o rexedor tamén abordou cos servizos xurídicos e económicos a readaptación das bases de concesión das subvencións anuais a todos os colectivos de Cerdedo-Cotobade co obxectivo de atender as súas necesidades actuais e na adaptación á chamada nova normalidade.

Finalmente, pide aos departamentos municipais que procedan á máxima axilización de todos os expedientes de contratación pendentes, como a xestión da praia fluvial de Cerdedo, a licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), a adxudicación da senda peonil e humanización de Tenorio ou a Central de Compras Municipal, entre outros, para favorecer a reactivación e impulsar os servizos públicos "nun momento no que son máis necesarios ca nunca", afirma Cubela.