O Concello de Cerdedo-Cotobade puxo en marcha un proceso de escoita á veciñanza a través dunha consulta pública para a elaboración da Axenda Urbana do municipio.
Esta Axenda deseñará as accións prioritarias estratéxicas a impulsar desde o Concello a curto e medio prazo.
Para elaborar ese documento acábanse de manter unhas xuntanzas abertas con colectivos e veciños no Centro Cultural Antonio Fraguas, en Carballedo e tamén no Centro Cultural de Cerdedo onde acudiu un número importante de persoas e asociacións que foron aportando as súas propostas e inquedanzas.
Previamente a estas xornadas de encontros coa veciñanza, o Concello de Cerdedo-Cotobade fixo unha enquisa á cidadanía.
Nesta enquisa participaron medio cento de persoas de todo o municipio.
O obxectivo foi establecer un decálogo de accións, recollida de ideas e opinións para incorporar ao conxunto de proxectos municipais que desde a Alcaldía se están impulsando en materia turística, de infraestruturas e tamén de dotacións.
Esta iniciativa, coordinada por un grupo de técnicos, é pioneira no municipio.
O goberno local salientou que este proceso de escoita e de participación veciñal fomenta a cogobernanza na que a vontade popular e a xestión municipal camiñan xuntas da man despois dun proceso de colaboración entre a administración e o administrado.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.