O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, decidiu incluir de urxencia no Plan Concellos da Deputación de Pontevedra a mellora da estrada A Coutada-Campodanta, en Aguasantas, unha vez que non prosperou a solicitude de subvención de infraestruturas posta en marcha polo Estado Español.
Segundo manifestou o alcalde, Jorge Cubela "tiñamos a idea inicial de poder acometer esta obra a través dunha liña de subvencións do Estado, pero ante a imposibilidade de contar con ela decidimos incluíla de urxencia no Plan Concellos e ímola executar no periodo de tempo máis curto posible", indicou.
Deste xeito, o alcalde pretende dar resposta de xeito inmediato ao compromiso adquirido coa veciñanza de mellorar o firme, que se atopa moi deteriorado, deste vial que contribúe a vertebrar a comunicación interior desta parroquia co resto do municipio.
As obras que se pretenden acometer van orientadas cara á mellora da pavimentación de varios tramos de viais municipais, entre os lugares da Coutada, Campodanta e Pé da Moa, na parroquia de Aguasantas. Os camiños atópanse pavimentados con aglomerado, pero existen tramos concretos que están nun avanzado estado de deterioro, polo que precisan unha renovación completa da capa de rodadura.