César Poza fai balance dos investimentos e proxectos en marcha para Vilaboa

Vilaboa
30 de decembro 2024
Actualizado: 21:13

César Poza destaca que o apartado máis gratificante deste ano 2024 é "ter contribuído a fortalecer ese escudo de protección social para os máis vulnerables"

Cesar Poza, alcalde de Vilaboa Concello de Vilaboa

Coa mirada posta no avance da mancomunidade da auga de Pontevedra, "imprescindible" para o desenvolvemento urbanístico e industrial de Vilaboa, o alcalde César Poza fixo balance do investimento executado polo Concello "que ronda os dous millóns de euros".

Segundo sinalou, en boa parte, estes cartos foron destinados á dotación de saneamento a diferentes núcleos de poboación e ao acondicionamento da rede viaria, tanto en asfaltado como en sinalización e seguridade vial.

Neste ano 2024 o goberno local renovou estes servizos básicos nos lugares de Acuña (223.000 euros); Outeiro e Amproa (115.000 euros); A Cardiña (136.403 euros); Croas (43.000 euros); Nores (30.000 euros); Gandarela-Casfalcón (25.374euros); Outeiro-Santa Cristina (49.327 euros); Sabaxás- Bértola e Lufiña.

Entre os investimentos executados o alcalde destaca o remate da senda peonil ata a igrexa de Figueirido (cun orzamento de 500.000 euros) e o recén rematado centro social e dos maiores do Picho (643.268 euros), pendente agora da dotación de mobiliario.

A reforma das escolas infantís (30.000 euros) e a mellora do pavillón do Toural (60.000 euros) completan as obras máis destacadas neste ano 2024, no que o goberno local "apostou decididamente polo patrimonio e a cultura" poñendo o foco no Entroido de Cobres para convertelo en Festa de Interés Turístico Nacional e respaldando aos centros educativos do municipio que neste ano foron quen de atraer a atención nacional e autonómica con premios que ata achegaron a Vilaboa ao ministro Grande Marlaska para a entrega da máxima distinción no Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade Escolar.

César Poza tamén destacou que a vertebración de Vilaboa en torno a un núcleo do Toural pasa pola chegada dan tan esperada rede de abastecemento de auga desde Pontevedra.

O goberno local traballa nun proxecto de transformación que encara o 2025 con importantes obras xa en marcha ou en fase de licitación, sendo unha das máis destacadas a do parque do Canabal, cun investimento superior aos 300.000 euros e que se está a executar en dúas fases.

Comezaron xa os traballos para a dotación dunha pista multidisciplinar (82.819 euros) e se fará unha remodelación global coa habilitación dun espazo ordenado para o estacionamento de vehículos e a construcción dun auditorio (224.904 euros).

En marcha, pendentes de execución están a reforma dos núcleos de A Mula (Paredes); Cabadachán (Vilaboa) e Muíño (Santa Cristina), así como a reforma da contorna do Forno de Cal.

Pendentes de licitación, proceso que se concluirá no primeiro semestre de 2025, está a reforma integral da Carretera Vella en Paredes e ao longo do ano o goberno local investirá máis de 220.000 euros na revisión da rede de saneamento; na reforma do parque de Riomaior; no Miradoiro do Cabalo e na rehabilitación do Muíño do Toxal.

"Temos en marcha unha profunda transformación de Vilaboa. Sabemos que quedan moitas pistas por asfaltar e moitos lugares que ainda carecen de servizos básicos pero avanzamos porque temos un proxecto moi claro para o noso municipio e non hai tempo que perder", insiste o alcalde de Vilaboa.

Sen embargo, César Poza destaca que o apartado máis gratificante deste ano 2024 é "ter contribuído a fortalecer ese escudo de protección social para os máis vulnerables" e que tivo unha traducción no orzamento municipal cunha partida cercana aos 400.000 euros para o servizo de atención no fogar (SAF) e o programa de envellecemento activo.

O apoio ás entidades deportivas, veciñais e culturais do municipio así como unha partida específica para igualdade, sumado ás actividades de promoción dos sectores produtivos de Vilaboa a través da Festa do Mar e a Festa do Viño completan un ano intenso de traballo que permite ao alcalde de Vilaboa encarar o novo ano con enerxías renovadas "e o convencemento de estar a executar o proxecto que Vilaboa necesita".