A demanda da veciñanza de chancelas logrou que a consellería de Infraestruturas e Mobilidade finalmente decida instalar en breve un paso de peóns cun semáforo na estrada autonómica PO-308 ao seu paso por esta zona de praias no Concello de Poio.
Con esta medida, a Xunta quere facilitar os cruzamentos de viandantes que circulen na contorna desa vía que conta cun elevado número de vehículos que se trasladan diariamente entre Pontevedra e Sanxenxo.
Das diferentes alternativas que se estudaron, os técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas decidiron levar a cabo esta obra que contará cun semáforo con pulsador para regular o paso das persoas. Inicialmente, o proxecto de reforma de toda esta zona só contaba cunha sinalización vertical de advertencia da presenza de peóns cun reforzo luminoso.
O semáforo vai instalarse detrás da parada de autobús e unirá as escaleiras que levan ao núcleo poboacional de Chancelas pola zona interior co acceso á praia principal desta zona.
A AXencia Galega de Infraestruturas acometerá os trámites para a contratación das obras nas vindeiras semanas. Segundo as previsións da consellería de Infraestruturas agárdase que a obra poida executarse no mes de marzo.
A intención da Xunta é que se realicen estes traballos en breve ante as demandas veciñais e posteriormente está previsto que se complemente cos traballos da seguinte fase na mellora de seguridade viaria na PO-308 entre Combarro, Chancelas e Samieira.