Charo Lorenzo recorre o seu despedimento da Cámara de Comercio

Pontevedra
28 de outubro 2016

Un xulgado do social verá o tema o próximo mes de novembro. Ela cuestiona a forma en que se produciu o despedimento e tenta desmentir os motivos argumentados pola Cámara. Entre outras cuestións, argumenta que esas faltas graves que lle atribúen xa estarían prescritas no momento no que foi despedida, de modo que non hai motivo para que rompan a relación contractual

Charo Lorenzo e Juan José María Lago, no banco dos acusados do Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra Mónica Patxot

A ex secretaria xeral da desaparecida Cámara de Comercio de Ponteveda, Charo Lorenzo, recorreu ante o xulgado o seu despedimento. No mes de agosto, o Comité Executivo da nova Cámara de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía comunicoulle o seu despedimento disciplinario por quebra de confianza tras a súa condena polos delitos de negociacións prohibidas a funcionarios e suborno no Xulgado do Penal número 3 da capital. Agora, ela recorreu e o asunto dirimirase no Xulgado do Social

Segundo puido saber PontevedraViva, Charo Lorenzo Pontevedra tentou inicialmente un acto de conciliación no Servizo de Mediación Arbritraje e Conciliación (Smac), pero sen resultado, de modo que finalmente presentou unha demanda xudicial. Un xulgado do social verá o tema o próximo mes de novembro nun xuízo no que a ex secretaria e a Cámara expoñerán as súas posturas. 

A da Cámara decidiuna o Comité Executivo no mes de xullo e comunicoulla en agosto argumentando que os delitos que ela confesou cometer e que derivaron nunha sentenza condenatoria cometeunos en exercicio da súa función  na entidade cameral, de modo que a súa conduta vulnerou a confianza que depositaran nela. Cren que son faltas moi graves que deben derivar no cesamento da relación laboral e ofrecéronlle unha liquidación cuxa contía é inferior á cantidade que ela cobraba mensualmente durante a súa etapa como secretaria xeral.

A demandante, pola súa banda, cuestiona a forma en que se produciu o despedimento e tenta desmentir os motivos argumentados pola Cámara. Entre outras cuestións, argumenta que esas faltas graves que lle atribúen xa estarían prescritas no momento no que foi despedida, de modo que non hai motivo para que rompan a relación contractual.