Ciencias da Educación aspira a ser a segunda facultade española integrada na Unesco

Pontevedra
03 de setembro 2014

A coordinadora das Escolas da Unesco en Galicia, Luisa Márquez, explicou que o proxecto coa candidatura de Ciencias da Educación e do Deporte remitirase a Madrid e despois a París para o seu visto e prace. "Conta con moitas posibilidades de ser aceptado", adiantou

Luisa Márquez, coordinadora das Escolas da Unesco en Galicia PontevedraViva

Este mércores celebrouse o acto de benvida para os 105 alumnos de primeiro curso da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra.

A decana, Francisca Fariña, deulle os parabéns a estes estudantes porque terán a ocasión de vivir unha experiencia educativa única, pois o centro pontevedrés aspira a integrarse Rede de Escolas Asociadas da Unesco, a organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura.

Se a iniciativa sae adiante, será tras a de León, a segunda facultade española en conseguir este recoñecemento, e a primeira de Galicia.

A coordinadora das Escolas da Unesco en Galicia, Luisa Márquez, explicou que o proxecto coa candidatura de Ciencias da Educación e do Deporte remitirase a Madrid e despois a París para o seu visto e prace. "Conta con moitas posibilidades de ser aceptado", adiantou. Despois a facultade estará en "prácticas" durante un ano para comprobar como asumen os valores da Unesco e traballan en favor da cooperación internacional, a paz, o diálogo intercultural, a defensa do patrimonio, o desenvolvemento sostible e a posta en práctica da educación de calidade.

Francisca Fariña subliñou a transversalidade deste proxecto que implica a toda a comunidade educativa e animou os alumnos a facer súa esta proposta, para o que contan co apoio do Concello como subliñou o propio alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que acudiu á facultade para dar a benvida aos novos estudantes.