CIG-Saúde denuncia que as esperas no Centro de Saúde de Anafáns "están a superar os doce días"

Poio
16 de novembro 2015
Actualizado: 14:33

A central nacionalista salienta que este centro de saúde conta cunhas instalacións en "precario" e que "soporta a presión dunha poboación en constante aumento", o que ao seu xuízo "dificulta, xa de por si, a asistencia sanitaria, véndose agravado pola falta de cobertura dos profesionais"

Centro de Saúde de Anafáns PontevedraViva

O sindicato CIG ­Saúde denunciou que as listas de espera para unha cita co médico de cabeceira no centro de saúde de Anafáns, en Poio "están a superar os doce días".

A central nacionalista salienta que este centro de saúde conta cunhas instalacións en "precario" e que "soporta a presión dunha poboación en constante aumento", o que ao seu xuízo "dificulta, xa de por si, a asistencia sanitaria, véndose agravado pola falta de cobertura dos profesionais".

Ademáis engaden que estes profesionais teñen que "soportar unha sobrecarga de traballo por mor de cubrir as ausencias dos compañeiros e en moitos casos ter que prolongar a súa xornada laboral".

Para CIG-­Saúde as dificultades existentes en Atención Primaria son "consecuencia da política de recortes do goberno da Xunta".

"Unha Atención Primaria que acusa a falta de inversións en recursos materiais e falta de persoal, de substitucións do persoal, a precariedade laboral co abuso das medias xornadas e o aumento de funcións nos últimos anos", conclúen dende este sindicato.

RESPOSTA DO SERGAS

Desde o Complexo Hospitalario de Pontevedra desmentiron esta información de CIG-Saúde, precisando que en Anafáns "a atención está garantida sen incidencias" e rexeitan que sexan tantos días de demora.

Estas mesmas fontes indicaron que "están cubertas o cento por cento das prazas do persoal sanitario" e cinguen calquera posible demora aos facultativos de Asistencia Pública Domiciliaria (APD) que teñen menos dedicación horaria.