O próximo 11 de febreiro, coincidindo coa conmemoración en todo o mundo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, Pontevedra reivindicará o papel das mulleres científicas con dous actos abertos á cidadanía en xeral, un pensado para a comunidade escolar e outro para o público adulto, nos que se darán cita cinco galegas de carreira recoñecida neste ámbito do coñecemento.
A concelleira de Educación e Igualdade, Carmen Fouces, e a xornalista Mila Alonso, do portal GCiencia, presentaron lestes venres no Concello de Pontevedra ambas as actividades á vez que aproveitaron para reivindicar que "as mulleres no ámbito tecnolóxico científico non están todo o representadas que correspondería dacordo á porcentaxe de poboación que somos" e que resulta "fundamental ir modificando estes estereotipos e estes marcos".
A primeira cita do día será ás 12.30 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra e está convocado o alumnado de todos os colexios pontevedreses, cun aforamento dispoñible de 200 persoas. Inicialmente, pensouse esta actividade para educación secundaria, pero, dado que se trata dun día non lectivo para esta etapa educativa en Pontevedra, cítase a todos os centros doutras etapas educativas.
A astrofísica galega Begoña Vila, enxeñeira de sistemas no Centro de voo espacial Goddadr da NASA e especializada no estudo das galaxias espirais, conectarase con videoconferencia co alumnado pontevedrés co fin de que "as nenas vexan que poden ser cientificas e os nenos vexan que as nenas tamén poden". Foi premio María Josefa Wonenburger 2017.
A segunda cita será xa en persoa. As científicas Alicia Estévez Toranzo, Vanessa Valdiglesias García, Elena Vázquez Cendón e Isabel Pastoriza Santos participarán nunha mesa redonda ás 20.00 horas na Casa das Campás de Pontevedra que leva por título 'Muller e ciencia'. Todas son galegas, son científicas "espectaculares" e teñen currículos "incribles".
Alicia Estévez é catedrática de microbiología e directora do Grupo de Patoloxía en Acuitultura da Universidade de Santiago de Compostela (USC), así como premio María Josefa Wonenburger 2018 e vicepresidenta da Real Academia Galega de Ciencias. Vanessa Valdiglesias é doutora en Bioloxía e investigadora no laboratorio de Toxicoloxía da Universidade da Coruña, ademais de premio á mellor investigadora moza de Europa 2015. Elena Vázquez é decana da facultade de Matemáticas da USC, investigadora do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial e membro do plenario do Consello da Cultura Galega. Isabel Pastoriza é doutora en Químicas pola Universidade de Vigo e premio L' Oreal-Unesco polas Mulleres na Ciencia en 2011.
O Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia busca que se asuma o compromiso de poñer fin aos prexuízos, a que se invista máis en educación en CTIM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas) para todas as mulleres e as nenas e a que se lles ofrezan oportunidades de mellorar as súas perspectivas de carreira e o seu desenvolvemento profesional a máis longo prazo, para que todas as persoas poidan beneficiarse das súas innovadoras contribucións no futuro.