Cinco estradas provinciais en Vilaboa convértense en puntos de risco por falta de limpeza

Vilaboa
20 de xuño 2025

O alcalde César Poza advirte que a maleza reduce drasticamente a visibilidade e solicita á Deputación de Pontevedra unha intervención urxente nas vías EP0002, EP0105, EP0103, EP0101 e EP0102

Maleza na contorna dunha estrada provincial en Vilavoa

A seguridade viaria está en perigo en cinco estradas provinciais que atravesan o municipio de Vilaboa debido ao crecemento descontrolado da vexetación nos seus beirales. Así o denuncia o Concello, que presentou unha reclamación formal á Deputación de Pontevedra para que actúe de maneira inmediata.

Segundo puido saber este medio, a maleza invadiu as marxes das vías EP0002, EP0105, EP0103, EP0101 e EP0102, provocando unha alarmante redución da visibilidade para condutores e peóns.

Esta situación está a crear condicións de risco especialmente nas curvas e interseccións, onde a visión limitada pode desencadear accidentes graves.

"A situación require unha intervención inmediata", afirma o alcalde César Poza no documento enviado ao departamento de Infraestruturas e Vías Provinciais da Deputación.

O rexedor subliña que estas arterias son fundamentais para a conectividade do municipio, polo que o seu mal estado afecta directamente á mobilidade cotiá da veciñanza.

A combinación de humidade e altas temperaturas nas últimas semanas acelerou o crecemento vexetal en toda a comarca, agravando as condicións das estradas.

Mentres tanto, o Concello mantén operativa unha brigada municipal que traballa diariamente para desbrozar a extensa rede viaria de titularidade municipal.

"Gustaríanos avanzar máis e ter todos os viais limpos, pero é importante ter en conta que Vilaboa ten unha grande extensión e unha rede viaria complexa, que corresponde co seu carácter rural. Os operarios municipais traballan sen descanso", explica Poza, quen confía en que a Deputación atenda con celeridade esta petición dada a urxencia da situación.