Cine e ludoteca, un plan perfecto co que o FICBueu favorece a conciliación

Bueu
04 de setembro 2023

Con esta iniciativa, segue a estela de grandes festivais internacionais de cinema coma Berlín, Cannes ou San Sebastián e dá un paso máis no seu compromiso social

Público nunha das proxeccións do FICBueu
Público nunha das proxeccións do FICBueu / FicBueu

O Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU) converterase este ano no primeiro festival galego de cinema con ludoteca gratuíta para facilitar a conciliación.

Con esta iniciativa, segue a estela de grandes festivais internacionais de cinema coma Berlín, Cannes ou San Sebastián e dá un paso máis no seu compromiso social.

Trátase dunha ludoteca para nenas e nenos de 3 a 10 anos que busca facilitar a asistencia de nais e pais ás proxeccións das curtametraxes programadas e tamén ás actividades culturais relacionadas co certame, que terá lugar entre o 8 e o 23 de setembro na vila pontevedresa.

A ludoteca será gratuíta e disporá de 15 prazas, que se cubrirán por orde de chegada. Estará ubicada no Centro Social do Mar de Bueu e abrirá dende o luns 11 setembro ata o sábado 16, de 17.30 a 21.00 horas.

O espazo de ocio estará supervisado por persoal do FICBUEU e disporá de xogos (algúns deles feitos e cedidos pola Asociación Juan XXIII de Cangas), contos e libros, actividades creativas e tamén zona de descanso.

O FICBUEU celebrará a súa 16 edición coa proxección de 89 curtametraxes dunha trintena de países dos cinco continentes, das que 28 participarán na ‘Sección Oficial‘.