Coches, bicicletas e patinetes eléctricos repostarán gratis en Portas

Umia
15 de outubro 2022

O Concello de Portas presume de se converter en pioneiro no fomento do uso de enerxías alternativas fronte ao emprego de combustibles fósiles tras instalar na Rapeira un posto de recarga semirápida para automóbiles, bicicletas eléctricas e patinetes. O custe total do investimento foi de 10.836 euros financiado con axuda de fondos europeos

Punto de carga de vehículos eléctricos en Portas Concello de Portas

O Concello de Portas presume de ser pioneiro no fomento do uso de enerxías alternativas fronte ao emprego de combustibles fósiles. O motivo é que instalou na Rapeira un posto de recarga semirápida para automóbiles, bicicletas e patinetes de carga eléctrica. 

Este servizo, polo momento, será gratuíto e se autoxestionará polos usuarios. A instalación conta con dúas prazas de aparcamento sinalizadas en verde para dar servizo a dous vehículos ao mesmo tempo cunha potencia máxima de 22 Kw/hora.

O custo do investimento, segundo o goberno local, ascende a 10.836 euros e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Leader) achegou 9.687 euros. 

Ricardo Martínez, alcalde de Portas, espera que o servizo se use de maneira racional e que poida ser utilizado pola veciñanza e tamén por visitantes que queiran encher comodamente mentres fan as súas compras ou as súas xestións no municipio. A electrolinera atópase próxima ao campo de fútbol, ao centro de saúde e a Casa de Cultura.

O rexedor manifesta que o futuro está no uso racional e sostible da enerxía e destacou esta experiencia pioneira na que "temos depositadas moitas ilusións".